Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
A toxicidade do cánnabis é causada polo uso excesivo ou sobredose do cánnabis, unha substancia con propiedades psicoactivas e alucinóxenas que se obtén das plantas femininas, frutificadas e secas do Cannabis sativa.
Desde o punto de vista da súa actividade pódese afirmar que os compoñentes máis interesantes son os cannabinoides, contendo ó redor dunhas 60 clases que se localizan maioritariamente na resina da mesma, o haxix, dos cales o tetrahidrocannabinol (THC) vai ser o máximo representante da súa actividade farmacolóxica.
O THC é o principal axente psicoactivo da planta e pódese establecer a seguinte relación entre a porcentaxe de THC con respecto á súa potencia:
Forma | %THC | Potencia |
---|---|---|
Cáñamo téxtil | ≤ 0,5 | Mínima |
Marihuana ou grifa | 0,5-25% | Media/Alta |
Haxix | 2-20 | Alta |
Aceite | 10-50 | Máxima |
Os preparados para o consumo elabóranse de distintas formas, dependendo, entre outras cousas, do país de orixe, e inclúen:
O THC é un composto de natureza lipídica, polo que se absorbe con gran rapidez, concentrándose maioritariamente nos tecidos con elevado contido lipídico. Este composto vai sufrir un efecto de primeiro paso moi importante, é dicir, vaise metabolizar no fígado o que implica que non todo o principio activo se incorporará ó sangue (só arredor dun 2-10%).
Existen distintas vías de incorporación das substancias químicas do cánnabis ó noso organismo: a través da vía oral e da pulmonar principalmente. Esta última vai ser a máis destacada xa que ó fumar a marihuana, esta accederá máis rapidamente ó torrente sanguíneo desde onde será transportada ó resto do organismo, incluíndo o cerebro, que é un tecido con alto contido lipídico onde exercerá a maior parte dos seus efectos. Así, a marihuana afecta o cerebro da seguinte forma: unha vez nel, o THC adhírese a lugares específicos nas células nerviosas chamadas receptores de cannabinoides, afectando así á actividade das mesmas. Dependendo da área do cerebro na cal nos situemos imos ter máis ou menos receptores cannabinoides (estes atópanse en gran cantidade naquelas rexións do cerebro que exercen influencia sobre o pracer, a memoria, o pensamento, o movemento coordinado, entre outros).
A seguinte táboa recolle as rexións do cerebro nas que os receptores do cannabinoides son máis abundantes:
Rexión do cerebro | Función asociada a esa rexión |
---|---|
Cerebelo | Coordinación dos movementos corporais |
Hipocampo | Aprendizaxe e memoria |
Codia cerebral | Funcións cognitivas superiores |
Núcleo accumbens | Gratificación |
Ganglios basais, substancia negra, pálido, putame | Control dos movementos |
Moitos dos efectos do THC son debidos á similitude que posúe con moléculas químicas que o noso organismo ten denominadas cannabinoides endóxenos producidos naturalmente polo noso corpo. A molécula do THC vai interactuar cos receptores das células nerviosas, cos que interactúan os cannabinoides endóxenos. Hai descritos dous tipos de receptores cannabinoides, dependendo da súa localización:
Os numerosos estudos demostraron que os cannabinoides endóxenos axudan a controlar unha gran variedade de procesos mentais e físicos no cerebro, incluíndo a memoria, a dor, a reprodución e coordinación motora, entre outros. Deste xeito, cando se consome marihuana, o THC en exceso sobreestimula os receptores cannabinoides provocando alteracións do control normal dos cannabinoides endóxenos, producindo unha intoxicación que co paso do tempo pode provocar a alteración das funcións destes receptores.
O uso de marihuana pode levar a problemas de adicción a longo prazo. Elevadas doses poden producir psicose tóxica, alucinacións e sentimentos pavorosos con alteración completa da personalidade. Entre as consecuencias para a saúde producidas polo abuso da marihuana figuran:
Tamén cómpre citar o efecto teratoxénico que ten o consumo de marihuana durante o embarazo, podendo incluso provocar alteracións de tipo nervioso no feto, que pode presentar choros agudos e incluso alteracións na visión en comparación cos nenos non expostos á marihuana.
Non obstante, o cánnabis non só presenta efectos adversos: cómpre tamén destacar a actividade farmacolóxica do THC como antiemético fundamentalmente para o tratamento de vómitos provocados pola aplicación de quimioterapia nos tratamentos de cancro, glaucoma e asma; tamén hai numerosos estudos que a asocian como estimulante do apetito, e o seu uso para a espasticidade na esclerose múltiple.
Detectouse a presenza de cannabinoides en tecidos graxos, así como tamén en feces e ouriños en consumidores da mesma. A presenza de cánnabis no plasma e ouriños pódese detectar incluso tempo despois de cesaren os seus efectos; nestes casos os métodos utilizados normalmente vannos dar unha información de consumo pero non de canto tempo hai que se consumiu. Na actualidade é de maior interese a identificación de metabolitos en sangue e ouriños; esta realízase con técnicas inmunolóxicas para a detección de cannabinoides, caracterizados pola súa gran sensibilidade e baixa especifidade. Os resultados positivos sempre han de validarse con outra técnica como (neste caso) a cromatografía de gases. O pelo tamén nos pode proporcionar unha importante información con respecto á identificación dun consumo pasado.
Non existe autorización algunha para comercializar marihuana con fins recreativos, a excepción do que ocorre nos Países Baixos. O resto dos países adscritos á ONU teñen que seguir unha serie de trámites burocráticos para utilizar esta planta ou os seus derivados con fins científicos. As leis adoitan contemplar penas por tráfico, cultivo ou posesión para consumo propio. A dureza das penas varían segundo o país. Os Países Baixos son o único país da Unión Europea onde se permite a venda dunha cantidade máxima de 5 gramos por persoa. En España é a droga ilegal de maior consumo entre a poboación igual que no resto de Europa, xa que o seu consumo non xera unha aparente preocupación social. É un delito o seu cultivo, elaboración e tráfico, sendo unha infracción a súa posesión e consumo en lugares públicos, pero non en ámbitos privados, penados con multas e cursos de rehabilitación. E a tendencia con intención de tráfico implica penas de cárcere. O uso terapéutico está regulado con receita médica. Na actualidade existen centros de subministración de cánnabis con plans de drogodependencia como no caso do País Vasco onde dispensan cánnabis con fins terapéuticos.