Transit 5E1, 1963-038C | |
---|---|
Transit 5E1, 1963-038C | |
Tipo | Observación terrestre e demostrador tecnolóxico |
Organización | USAF |
Contratistas principais | Laboratorio de Física Aplicada da Universidade Johns Hopkins (APL)[1] |
Satélite de | Terra |
Data de lanzamento | 28 de setembro de 1963[2][3][4] |
Foguete portador | Thor Ablestar[1][3] |
Sitio de lanzamento | Base Aérea de Vandenberg[3][5] |
Duración da misión | 11 anos[1] |
Obxectivo da misión | Medicións xeomagnéticas, xeodésicas e do espectro solar.[3][5] |
NSSDC ID | 1963-038C |
Masa | 59 kg[1][3] |
Dimensións | Corpo octogonal de 0,46 m x 0,25 m[5] |
Transit 5E1, tamén coñecido polo seu designador internacional 1963-038C e mencionado ás veces como APL SN 39, foi un satélite artificial do Departamento de Defensa dos Estados Unidos lanzado o 28 de setembro de 1963 mediante un foguete Thor Ablestar desde a Base Aérea de Vanderberg.[1][3]
O obxectivo de Transit 5E1 foi realizar estudos de partículas cargadas e campos magnéticos e do espectro solar, así como obter datos xeodésicos. Adicouse a medir as variacións temporais dos fluxos de electróns e protóns, comprobar o efecto da radiación en varios tipos de transistor, determinar a eficiencia de sete tipos de recubrimento térmico e dos recubrimentos protectores de células solares para protexelas da radiación.[1][3][5]
Transit 5E1 foi lanzado a unha órbita polar desde a que realizou medicións xeomagnéticas e xeodésicas ademais de diversos experimentos tecnolóxicos. A alimentación eléctrica procedía de catro paneis solares e levaba transmisores que emitían a 136, 162 e 324 MHz. O transmisor a 162 MHz fallou o 19 de marzo de 1964.[1][5]
Despois de agosto de 1969 o satélite recolleu datos só esporadicamente. Os últimos datos foron recollidos en novembro de 1974.[1][3]
Transit 5E1 levaba a bordo os seguintes instrumentos e experimentos:[1]
O investigador principal dos instrumentos de partículas (detectores e espectrómetros) foi o doutor Carl O. Bostrom e o do magnetómetro triaxial foi o doutor Alfred J. Zmuda.[6][7]
Transit 5E1 continuou facendo medicións tras cumprir tódolos seus obxectivos. As medicións estendidas permitiron medir o decaemento dun cinto de radiación artificial, medi-las variacións, tempos de vida e tempos de resposta á actividade magnética dos electróns da zona exterior do cinto de radiación, comproba-la distorsión dos cintos de radiación entre a zona diúrna e a nocturna, medi-la perda de partículas sobre a anomalía do Atlántico sur, descubrir un ciclo de 27 días (igual ó período de rotación do Sol) na intensidade dos electróns atrapados na zona exterior, caracteriza-lo comportamento dos electróns da zona exterior durante os momentos de actividade magnética e estuda-los efectos dun evento solar de emisión de protóns enerxéticos ó longo da magnetosfera,[1] así como axudar a crear o modelo informático AP-8 do fluxo estable de protóns atrapados con rangos de enerxía entre 0,1 e 400 MeV.[8]
Os experimentos solares contribuíron á comprensión da variación solar a longo e curto prazo e permitiron desenvolver unha protección mellorada para as células solares no espazo. As medicións do magnetómetro permitiron detectar unha das compoñentes das ondas hidromagnéticas transversais, mostrando que estas ondas aparecen sobre todo nas rexións aurorais con valores de entre 25 e 400 nT, representando sobre o 1% do valor do campo magnético total á altura do satélite. En total, Transit 5E1 detectou ata 100 ondas hidromagnéticas.[1]