Trinacia | |
---|---|
P. Tibaldi: fresco do Palacio Poggi, sede da Universidade de Boloña, no que se representa os compañeiros de Odiseo roubando o ganado de Helios. | |
Información | |
Tipo | Illa mítica |
Lugares | Thrinakia, Trinacria |
Θρινακία |
Trinacia (grego antigo: Θρινακία Thrinakíā : Thrinakia[1]; máis tarde identificada con Trinacria), a Illa de Helios, segundo se menciona no Libro XII da Odisea de Homero, é a illa onde Helios gardaba o seu gando, baixo o coidado das súas fillas, Faetusa e Lampetia. Na Antigüidade, era comunmente aceptado que Trinacria era o antigo nome de Sicilia e que o nome facía referencia ás tres puntas da illa.[2]
No libro XII da Odisea, Odiseo e a súa tripulación chegan a Trinacia cando volvían de Eea. Odiseo fora advertido tanto por Circe como pola pantasma de Tiresias para que evitase Trinacia, mais os seus homes rogáronlle que lles deixase parar e descansar. Odiseo aceptou con reservas, facéndolles prestar o xuramento de que non tocarían o gando da illa. Durante o seguinte mes sopraron continuamente ventos desfavorables, o euro ou o noto (vv. 325-326), o que lles impediu abandonar a illa. Cando Odiseo foi rezar pedindo un regreso seguro a Ítaca, a súa tripulación, temendo morrer de fame, sacrificou e comeu parte do gando de Helios. Como castigo, cando finalmente puideron marcharse da illa, Zeus lanzou un raio ao barco, privando da volta a todos os homes salvo a Odiseo.