Umbelulona | |
---|---|
![]() |
![]() |
4-Metil-1-(propan-2-il)biciclo[3.1.0]hex-3-en-2-ona | |
Outros nomes Tuienona; tuien-2-ona | |
Identificadores | |
Número CAS | 24545-81-1, 546-78-1 (1R,5S) |
PubChem | 91195 |
ChemSpider | 82348 |
UNII | X5YT6KCX2U |
Imaxes 3D Jmol | Image 1 |
| |
| |
Propiedades | |
Fórmula molecular | C10H14O |
Masa molar | 150,22 g mol−1 |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
A umbelulona é unha cetona monoterpeno que induce dor de cabeza que se atopa nas follas da árbore Umbellularia californica.[1][2]
Crese que produce dor de cabeza ao influír no sistema trixeminovascular por medio do TRPA1.[1]
Umbellularia californica é unha árbore nativa de California e o sur de Oregón.[3]
O botánico Archibald Menzies foi o primeiro que recolleu o aceite desta árbore a finais do século XVIII. En 1826 esta árbore foi clasificado como un loureiro, Laurus regia, polo botánico David Douglas. En 1833 a árbore foi clasificada de forma diferente por Hooker e Arnott co nome Tetranthera californica. Pouco despois recibiu o seu actual nome de Umbellularia californica dado por Nuttal.
En 1875 Heaney obtivo un líquido incoloro (oreodafenol) por fraccionamento a presión reducida. Este aceite do "loureiro" de California tiña un cheiro forte. Stillman (1880) fixo un fraccionamento a 215-216 °C. Descubriu que a inhalación dos vapores producía unha dolorosa sensación de frío e graves dores de cabeza. Nos primeiros tempos utilizábanse as follas da árbore para a cura de dores de cabeza, de estómago ou mesmo de dentes. Powers e Lee fixeron en 1904 outro fraccionamento do aceite desta árbore a 217-222 °C, que rendeu distintos compostos: pineno, cineol, euxenol, metil euxenol e unha cetona chamada umbelulona. A umbelulona é o responsable químico das dores de cabeza que induce a árbore. Estes autores déronlle á umbelulona a seguinte fórmula estrutural:
En 1908 a fórmula estrutural foi adaptada por Tutin, que foi corrixida despois ese mesmo ano por Semmller para darlle a fórmula estrutural que é aceptada hoxe:
A umbelulona é unha cetona monoterpeno que se encontra nas follas de Umbellularia californica. A fórmula da umbelulona é C10H14O, e contén un anel ciclopropano e outro ciclopentano. Só se coñece un isómero da umbelulona. A umbelulona é un líquido lipófilo (aceite) a temperatura dunha habitación. O punto de ebulición da umbelulona é de 220 °C e a presión de vapor é de 0,159 mm/Hg. A umbelulona ten unha alta afinidade de unión para os tioles. A molécula é reactiva coa maioría dos tioles, como a cisteamina, pero non con todos.[1]
Unha síntese posible de umbelulona é a do seguinte proceso.[4] A diazometil isopropil cetona reacciona co metil metacrilato para dar 1-carbo-metoxi-2-isobutiril-1-metilciclopropano. Esta reacción dá un rendemento do 35%. Este é despois hidrolizado a unha mestura de cis- e trans-2-isobutiril-1-metil-1-ciclopropano. O isómero trans íllase e reacciona co reactivo de Grignard cadmio metilo dando 1-acetil-2-isobutiril-1-metilciclopropano. Este sofre unha ciclación aldólica co tratamento cunha base diluída orixinando umbelulona.
A umbelulona pode causar intensas dores de cabeza ao activar a canle catiónica de potencial receptor transitorio, subfamilia A, membro 1 (TRPA1) e influír no sistema trixeminovascular por medio do péptido relacionado co xene da calcitonina (CGRP). Unha vez inhalada, a umbelulona difunde desde a mucosa nasal á circulación sanguínea. Debido á alta solubilidade en lípidos da umbelulona, a molécula pasará rapidamente a través das células epiteliais e será rapidaemnte absorbida no sangue. A partir de aquí, a umbelulona pode alcanzar as terminacións nerviosas sensoriais perivasculares dos vasos menínxeos. A estimulación destas fibras nerviosas finalmente fai que se libere o CGRP, un nociceptor coñecido pola súa capacidade de inducir migrañas e ataques de cefalea en acios.[1]
A activación do TRPA1 pola umbelulona ten como resultado a apertura desta canle iónica. O calcio entra entón na célula e a membrana plasmática despolarízase. A despolarización da membrana causa a liberación de CGRP1. O CGRP liberado pode unirse ao seu receptor de CGRP. Isto induce unha vasodilatación local dependente de CGRP dos vasos sanguíneos cerebrais. A vasodilatación dos vasos sanguíneos cerebreais incrementa o fluxo de sangue nas membranas externas que cobren o cerebro (meninxes). A unión do CGRP ao seu receptor tamén promove a desgranulación dos mastocitos e a infiltración por neutrófilos e outras células inmunitarias. O incremento de células inmunitarias e a súa resposta inflamatoria pénsase que é a cusa principal da aparición de migrañas. Aínda se discute se a vasodilatación dos vasos sanguíneos cerebrais contribúe á causa das migrañas e dores de cabeza. Porén, o efecto vasodilatador e o incremento do fluxo sanguíneo poden utilizarse como unha indicación indirecta da liberación do CGRP e, por tanto, da presenza de migrañas e dores de cabeza.
A canle iónica de potencial receptor transitorio, subfamilia M, membro 8 (TRPM8) é unha canle iónica que pode inducir unha sensación de frío intensa cando se activa. O mentol é o ligando primario do TRPM8, pero como a umbelulona ten certas semellanzas estruturais co mentol, a umbelulona tamén pode activar o TRPM8. Pero esta é unha interacción feble.
A exposición á Umbellularia californica probablemente orixinará unha intensa sensación de frío na cavidade nasal. Cando esta sensación aparece combinada con dor de cabeza, un incremento en plasma CGRP ou irritación dos ollos, a posibilidade da a persoa afectada estivese exposta á U. californica aumenta.
O aceite de Umbellularia californica contén un 40% a 60% de umbelulona. Posúe un efecto similar ao da atropina sobre os nervios e fibras musculares. O contacto co aceite ou á exposición aos seus vapores pode causar:
A umbelulona induce unha rápida produción de metahemoglobina. A metahemoglobina é unha globina do sangue que consiste esencialmente en hemoglobina férrica (con Fe3+), en vez da usual ferrosa (con Fe2+). A methemoglobina ten unha menor capacidade para unirse ao oxixeno. En consecuencia, os glóbulos vermellos do sangue terán menos capacidade de proporcionar oxíxeno aos órganos, polo que aumenta a probabilidade de hipoxia. A letalidade da metahemoglobina é posible a concentracións maiores do 50% da substancia en glóbulos vermellos.
En 2013 descubriuse unha nova posible aplicación da Umbellularia californica. O aceite esencial foi utilizado como repelente de mosquitos e larvicida para as larvas do mosquito.[5] Isto animou a facer máis investigacións sobre este aceite.