En zooloxía o termo uropodio,[1][2] ás veces citado como urópodo,[2] refírese a determinados apéndices do último segmento abdominal do corpo de numerosos crustáceos e dalgunhas larvas de certos insectos.
O termo urópodo é unha voz do Vocabulario Científico Internacional (que se adapta ás normas de cada idioma particular) formada polos elementos do latín científico uro- e -podo (sic), tirados das palabras do grego antigo οὐρά ourá, "cola" (de animal), e πούς, ποδός poús, podós, "pé", "perna", "pata", respectivamente.[3]
Nos crustáceos malacostráceos os urópodos son cada un dos dous últimos apéndices abdominais, situados a continuación do pleon, dirixidos cara a atrás e diferentes dos pleópodos, de forma laminar na maioría dos grupos.[4][5]
O telson, xunto cos urópodos, presenta forma de abano, polo que denomina tamén abano caudal.[5][6] En ocasións, os urópodos poden traballar en conxunto co telson, utilizando estes apéndices para axudar nos seus desprazamentos (natación), xa que cun movemento brusco do abdome, o telson e os urópodos, conseguen propulsarse rapidamente cara a atrás. Tamén se usan para a protección dos ovos da femia.[5]
Nos cangrexos ermitáns, os urópodos serven como elementos de retención, e en case todos os braquiúros e nalgúns Lithodidae, os urópodos reabsórbense na idade adulta.
Os urópodos son tipicamente birrámeos (é dicir, están divididos en dúas partes chamandas ramas),[5] e consisten basicamente nun pedúnculo que se divide en dúas ramas (endopodito e exopodito), unidos por unha sutura transversal coñecida como diérese.[7][8] O exopodito adoita ser máis grande que o endopodito.
Os anfípodos xeralmente teñen tres pares de urópodos.
Na maioría dos Peracarida, Bathynellacea e Cumacea, os urópodos teñen forma de bastón.
Os urópodos están formados por catro pezas:
Todos os decápodos (coa excepción da maioría dos braquiúros) presentan urópodos: a infraorde dos Palinura, a suborde dos Dendrobranchiata, a infraorde dos Stenopodidea, a infraorde dos Caridea, a infraorde dos Astacidea, a infraorde dos Thalassinidea, etc.
Tamén reciben o nome de urópodo cada unha das dúas apófises caudais, semellantes a cercos, que aparecen no último segmento abdominal dalgunhas larvas de insectos, denominadas larvas oligopódicas.[5]