Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de febreiro de 1932 Illa de Pascua, Chile |
Morte | 29 de xullo de 2017 (85 anos) Illa de Pascua, Chile |
88º Rei da Illa de Pascua | |
8 de agosto de 2011 – 29 de xullo de 2017 ← Moisés Tuʻu Hereveri | |
Datos persoais | |
Grupo étnico | Pobo rapanui |
Relixión | Catolicismo |
Actividade | |
Lingua | Lingua castelá |
Familia | |
Pai | Juan Riroroko Mahute |
Parentes | Riro Kāinga (avó) |
Valentino Riroroko Tuki, nado o 13 de febreiro de 1932, e finado o 29 de xullo de 2017, foi un aspirante ao trono Rapa Nui da Illa de Pascua. Era o neto do derradeiro rei, Riro Kāinga, quen morreu en 1899 e pertencía ao clan real Miru, descendentes do fundador e primeiro ariki mau de Rapa Nui, o lendario Hotu Matu'a.[1][2]
Riroroko naceu o 13 de febreiro de 1932 na Illa de Pascua.[3] Era fillo de Juan Riroroko, o fillo máis novo de Riro Kāinga,[4][1] e Luisa Tuki.[3] Casou con Andrea Servia en 1953.[5]
Como neto máis vello do derradeiro rei de Rapa Nui, o título pertencía a Jacobo Riroroko, quen sendo meirande e encamado por unha doenza, pasoullo ao seu irmán máis novo Valentino Riroroko. Riroroko foi coroado rei o 8 de agosto de 2011, nunha cerimonia oficial ante o Concello de Rapanui en presenza do gobernador local en representación do goberno chileno.[2] O Parlamento de Rapa Nui, un organismo local non recoñecido polo goberno chileno, utilizou isto ao seu favor para tentar coaccionar tanto a Riroroko como ao goberno chileno a cumprir a súa axenda de independencia, falando moitas veces en nome do Rei sen o seu permiso.[6]
Continuando a loita dos seus devanceiros, Riroroko avanzou na posición de que a Illa de Pascua debería ser un país de seu separado de Chile.[4] Escribindo para Griffith Journal of Law & Human Dignity, Leonardo A. Crippa dixo, "aínda que a coroación de Riroroko podería verse como soamente simbólica, pode resultar fundamental para os esforzos xerais da nación rapanui por reconstruír o seu goberno e recuperar o control do seu territorio."[7]
Riroroko apareceu no documental de 2014 Treasures Decoded: Easter Island Heads, no que pide a devolución do moai Hoa Hakananai'a que se atopa no Museo Británico.[8]
Morreu o 29 de xullo de 2017 e está enterrado no territorio do clan Miru xunto a Ahu Tereruti, a plataforma cerimonial que pertence ao seu bisavó.[9] A súa muller Andrea morreu dous anos despois, en 2019.[10]