O Vaso François é un vaso cerámico creado por Ergótimos e pintado por Clitias, cara ao 570-560 a. C., considerado unha obra cimeira da cerámica ática e grega en xeral. Pola súa tipoloxía, corresponde a un cráter[1] de volutas realizado seguindo a técnica de figuras negras. Tanto os dous autores (Ergotimos mepoiesen, Ergótimos fíxome; e Kleitias megraphsen, Clitias pintoume), como os personaxes representados están identificados por cadansúa inscrición.
Foi descuberto por Alessandro François (1796 - 1857) nunha tumba etrusca dunha necrópole próxima á localidade de Chiusi, na actual Toscana. Os fragmentos que se conservan atopáronse esparexidos en distintos espazos, probablemente por obra de buscadores de tesouros, durante as campañas de 1844 e 1845. Na actualidade exponse no Museo Arqueolóxico de Florencia (Italia).
Esta tipoloxía de cerámica estaba destinada a conter viño mesturado con auga.[2] Os cráteres eran recipientes de cerámica (ou de metal) de gran tamaño que se colocaban no centro da sala onde se celebraba o simposio (banquete), no chan ou sobre unha plataforma, e de onde o copeiro (ou os mesmos comensais) ía retirando e servindo o viño en recipientes máis pequenos e manexables; a boca ancha do cráter permitía introducir o kilix (copa). O tamaño e a calidade deste vaso debían reflictir unha posición social elevada do propietario.
Trátase dun cráter de volutas, así chamado porque as súas asas sobresaen por riba da boca, formando volutas. A peza mide 66 cm de altura e está decorada con pintura negra sobre fondo vermello. A decoración distribúese en seis bandas horizontais que rodean todo o recipiente, nas que se pintan as figuras (250 ou 270, segundo as fontes[3]); as liñas que separan as bandas, as asas e mais a banda inferior do vaso son as únicas áreas que presentan motivos xeométricos. As figuras represéntanse de acordo coa lei da frontalidade: ollos e torso de fronte e o resto do corpo de perfil. Como corresponde á época preclásica, os fondos son planos, sen ningún elemento que represente un espazo arquitectónico ou natural, e as figuras son hieráticas, sen expresión. De tódolos xeitos, esta obra representa un claro avance respecto ó período xeométrico anterior cara a un progresivo naturalismo.
Cada unha das bandas presenta dúas escenas, unha a cada lado do vaso, en todo caso escenas mitolóxicas ou animais fantásticos de iconografía orientalizante. Só a terceira e sexta bandas presentan cada unha un único tema que as percorre completamente todo ó redor do vaso.
Nunha das volutas represéntase a deusa Ártemis alada, como señora dos animais levantando dous leóns pola cabeza. Debaixo, Áiax retirando o cadáver de Aquiles do campo de batalla para evitar que fose ultraxado polos troianos, nunha escena que reforza a magnitude do heroe aumentando artificialmente o seu tamaño. Noutra voluta hai unha Gorgona alada.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Vaso François |