![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | c. 963 ![]() |
Morte | c. 1035 ![]() |
Lugar de sepultura | Church of San Salvador in Deva, Gijón (en) ![]() ![]() |
![]() | |
![]() | |
![]() | |
Outro | |
Título | Consorte real de León ![]() |
Familia | Dinastía ástur-leonesa ![]() |
Cónxuxe | Vermudo II ![]() |
Fillos | Cristina Vermúdez ![]() |
Pai | Conde Ramiro ![]() |
![]() |
Velasquita Ramírez, nada cara ao 963 é falecida cara ao 1035, foi a raíña consorte do reino de Galiza como primeira esposa do rei Vermudo II e nai da infanta Cristina Vermúdez, esposa de Ordoño Ramírez.
As orixes familiares de Velasquita son incertas. A inscrición nunha pedra da igrexa de Deva (Igrexa de San Salvador, Asturias), simplemente chámaa filia Ranimiri ("filla de Ramiro").[1][2]
«En nome do Señor Xesucristo, por amor do cal a raíña Velasquita, filla de Ramiro, edificou o templo do Señor Salvador. Aquí se gardan as reliquias, para que ela reciba premio digno no seno dos santos, viva aquí feliz e consagrada e consigan o reino de Deus. Amén. Co cal consagrouse este templo»[Notas 1][3]
Manuel Risco, un historiador español do século XVIII, cría que Velasquita era filla do rei Ramiro II,[1] pero Velasquita nunca aparece nas cartas medievais como filia Ranimiri regis,[2] que sería o costume daquela época. Os historiadores modernos rexeitan esta filiación e cren que podería ser fillo de Ramiro Menendiz, fillo do conde Hermenexildo González e Muniadona Díaz, e da súa muller Adosinda Guterrez,[1] filla do conde Gutier Menendiz.[1] Isto harmonizaría cun documento do 5 de xaneiro de 999 no que Vermudo se refire a Gonzalo Betotiz, pai do conde Hermenexildo, coma o seu bisavó.[1][Notas 2]
Casou con Vermudo II entre o 980 e o 11 de outubro de 981 cando ambos aparecen xuntos por primeira vez,[1] un ano antes do reinado de Vermudo, nunha doazón feita polo conde galego Menendo Menéndez ao Mosteiro de San Xulián de Samos na que Vermudo confirma como Veremudus, prolix Ordonius rex e Velasquita como uxor ipsius.[2]
Aparecen xuntos por última vez a finais de 988 e probablemente foi repudiada un ano despois en 989.[1] En 991, o rei Vermudo e a súa segunda esposa, Elvira García, confirman xuntos unha carta por primeira vez.[1] Velasquita abandonou a corte e instalouse en Oviedo coa súa filla Cristina, e fíxose monxa no Mosteiro de San Paio,[1] cuxa abadesa daquela era a raíña viúva Tareixa Ansúrez. A medievalista Margarita Torres cre que Velasquita e Tareixa planificaron e fomentaron o matrimonio de Cristina, a filla de Velasquita, co neto de Tareixa, Ordoño Ramírez, unindo así ámbalas liñaxes reais.[4] Velasquita aparece o 14 de marzo de 996 no Mosteiro de San Paio confirmando unha doazón realizada polo seu antigo marido, o rei Vermudo e a súa segunda esposa Elvira.[2] En 1024 tamén estivo presente e confirmou a carta pola que a súa filla Cristina, xa viúva, funda o Mosteiro de San Salvador (Cornellana) onde acabaría por retirarse.[2]
Polo rei Vermudo Velasquita tivo unha filla coñecida, Cristina Vermúdez, que casou co infante Ordoño Ramírez, fillo do rival do seu pai Ramiro III e Sancha Gómez.[Notas 3]
Velasquita foi avoa de Afonso Ordóñez, Ildoncia Ordóñez (morta despois de 1056), Ordoño Ordóñez (importante magnate e alférez de Fernando I) e Paia Ordóñez, coñecida como "Dona Paia".
Non se coñece a data exacta da morte de Velasquita, pero probablemente foi entre 1028 e 1035.[1] Segundo a tradición, foi enterrada no Mosteiro de San Salvador de Deva en Asturias,[2] que ela fundara antes de 1006 e doara o 29 de agosto dese mesmo ano á Catedral de Oviedo xunto con outros bens coma os mosteiros de Santa Cruz, San Xoán de Abonio e a igrexa de San Martín de Salas.[2]