Vibrio vulnificus | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Imaxe de MEV con cores falsas de Vibrio vulnificus | |||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||
|
Vibrio vulnificus é unha especie de bacterias gramnegativas, móbiles, con forma de bacilo curvado (vibrión), patóxenas do xénero Vibrio. Está presente en ambientes mariños como estuarios, lagoas salobres ou áreas costeiras. V. vulnificus está relacionado con V. cholerae, o axente causante do cólera.[3] Polo menos unha das cepas de V. vulnificus é bioluminescente.[4] O incremento das temperaturas estacionais oceánicas e os ambientes mariños de baixa salinidade como os estuarios favorecen unha maior concentración de Vibrio nos mariscos que se alimentan por filtración.
A infección por V. vulnificus expándese rapidamente pola pel ao entrar nas feridas e causar celulite ou mesmo sepse.[5]:279 V. vulnificus produce tamén enfermidades alimentarias. Foi illada como fonte de enfermidade en 1976.[6]
Vibrio vulnificus é unha especie gramnegativa, móbil, con forma de bacilo curvado (vibrión), patóxena de zonas costeiras de baixa salinidade.[7] As cepas máis daniñas de V. vulnificus documentadas actúan de tres formas diferentes. A primeira é que ten unha cápsula polisacárida antifagocitica que protexe a bacteria. Ao estar a bacteria encapsulada, a fagocitose e a opsonización non se poden producir, o que permite que a bacteria permaneza no organismo no que entrou. A segunda maneira que ten V. vulnificus de ser daniña é por algunhas das toxinas que produce. Estas toxinas fórmanse nas infeccións secundarias que orixina no tracto gastrointestinal, que poden con gran probabilidade orixinar unha infección sistémica. Ultimamente, observouse que pode causar máis dano aos pacientes que teñen maiores niveis de ferro.[8]
A transformación natural nas bacterias é unha adaptación producida por unha transferencia de ADN entre células individuais. V. vulnificus é transformable naturalmente durante o seu crecemento sobre quitina de cangrexo.[9]
Vibrio vulnificus é unha bacteria moi virulenta que pode causar tres tipos de infeccións:
En persoas sas a inxestión de V. vulnificus cos alimentos pode causar vómitos, diarreas e dor abdominal. Nas persoas inmunocomprometidas, especialmente as que teñen doenzas hepáticas crónicas, pode infectar o torrente circulatorio, causando unha doenza grave e potencialmente mortal caracterizada por febre e calafríos, descenso da presión arterial (choque séptico), e lesións con bochas na pel. Observouse que as mulleres están en menor risco que os homes. As comorbilidades como a cirrose alcohólica e doenzas que afectan ao sistema endócrino (diabetes, artrite reumatoide etc.) supoñen un maior risco para as persoas de desenvolver esta infección.[8]
Cápsula. V. vulnificus ten unha cápsula feita de polisacáridos, e pénsase que a protexe contra a fagocitose.[13] A cápsula tamén axuda a que a bacteria escape da opsonización.[14] Diferentes cepas desta bacteria poden cambiar entre as formas encapsulada e non encapsulada. Os estudos en modelos de ratos mostran que as formas non encapsuladas non son virulentas. Porén, estas mesmas cepas teñen unha maior predisposición a cambiar á forma encapslada virulenta cando son captadas polas ostras.[15]
Endotoxina. Como todas as bacterias gramnegativas, V. vulnificus ten LPS (lipopolisacárido como compoñente principal da súa membrana externa). Porén, o LPS que produce a bacteria non é tan eficiente en desencadear a liberación polo sistema inmunitario de factor de necrose tumoral alfa (TNFα) e outras citoquinas que producen síntomas de choque. No entanto, as proteínas capsulares que expresa a bacteria poden producir unha resposta inmune contribuíndo aos síntomas do shock.[16]
Exotoxina. V. vulnificus produce varias toxinas extracelulares como a metaloprotease VvpE, a citolisina/hemolisina VvhA, e a toxina MARTX (toxina con repeticións de autoprocesamento multifuncional). Aínda que as toxinas VvhA e MARTX son factores de virulencia da bacteria, os estudos in vivo en ratos suxiren que a toxina MARTX é máis responsable da diseminación bacteriana desde o intestino para producir sepse.[17][18]
Ferro. O crecemento de V. vulnificus depende da cantidade de ferro que é accesible á bacteria.[19][20][21] A asociación observada da infección con doenza hepática (asociada cun incremento do ferro sérico) podería deberse á capacidade de que cepas máis virulentas capturen ferro unido a transferrina.[13]
As infección en feridas por Vibrio vulnificus teñen unha taxa de mortalidade do 25 %. En persoas nas que as infeccións empeoran causando sepse, tipicamente despois da inxestión, a taxa de mortalidade ascende ao 50 %. A maioría destas persoas morren dentro das 48 horas despois da infección. Non se coñece un tratamento óptimo, pero nun estudo retrospectivo de 93 persoas en Taiwan, o uso de cealosporina de terceira xeración e dunha tetraciclina (por exemplo, ceftriaxona e doxiciclina, respectivamente) estaba asociado cunha mellora do resultado final.[22] Cómpre facer ensaios clínicos prospectivos para confirmar este descubrimento, pero os datos in vitro apoian a suxestión de que esta combinación é sinérxica contra V. vulnificus. A Asociación Médica Americana e os Centros para o Control de Prevención de Enfermidades (CDC) dos Estados Unidos recomendan o tratamento cunha quinolona ou doxiciclina intravenosa con ceftazidime. O primeiro tratamento documentado con éxito da sepse fulminante de V. vulnificus en 1995 e consistía en ceftazidime e unha ciprofloxacina intravenosa e doxiciclina, que demostrou non ter éxito. A prevención de infeccións secundarias con insuficiencia respiratoria e insuficiencia renal aguda é crucial. A clave para a diagnose e o tratamento é o recoñecemento temperán das bochas na pel en persoas inmunocomprometidas ou con cirrose hepática que inxeriron ostras nas 48 horas previas, e a realización inmediata dunha tinguidura de Gram e cultivo celular de mostras para V. vulnificus.[23] Ás veces pode ser necesario o desbridamento de feridas e mesmo a amputación de membros.[24]
Vibrio vulnificus é a causa máis común de morte (95 %) debida a comer mariscos en países como os Estados Unidos. Se o tratamento con tetraciclina ou outros antibióticos cefalosporinas iníciase cando comezan os síntomas e no resto do curso da doenza, e os pacientes non adoitan experimentar efectos a longo prazo.[25]
O peor prognóstico é o das persoas que chegan ao hospital en estado de choque. A mortalidade total nas persoas tratadas (por inxestión ou feridas) é dun 33 %.[22]
As persoas especialmente vulnerables son as que padecen doenzas hepáticas (especialmente cirrose e hepatite) ou están en estados inmunocomprometidos (nalgúns tipos de cancro, supresión da medula ósea, VIH, diabetes etc.). Neses casos, V. vulnificus adoita entrar na circulación sanguínea, onde pode causar febre e escalafríos, choque séptico (con brusco descenso da presión arterial), e lesións cutáneas con bochas.[26] Aproximadamente a metade dos que contraen infección sanguínea morren.
As infeccións por Vibrio vulnificus tamén afectan desproporcionadamente aos homes respecto das mulleres; o 85 % das persoas que desenvolven choque endotóxico por esta bacteria son machos. As mulleres ás que se lles realizou unha extirpación dos ovarios teñen taxas de mortalidade incrementadas, xa que se demostrou experimentalmente que o estróxeno ten un efecto protector contra esta bacteria, o que explica a menor vulnerabilidade das mulleres.[27]
Vibrio vulnificus atópase comunmente no golfo de México, onde se rexistraron unha ducia de mortes por esta infección desde 1990.[28] A maioría das mortes nesa época ocorreron por sepse fulminante.
O incremento das temperaturas estacionais e o decrecemento da salinidade parecen favorecer unha maior presenza de Vibrio dentro dos mariscos filtradores das costas atlánticas e do golfo de México dos Estados Unidos, especialmente nas ostras Crassostrea virginica. Demostrouse a frecuente presenza de V. vulnificus no intestino de ostras e outros mariscos e nos de peixes que habitan nos arrecifes ostreiros. A gran maioría da persoas que desenvolven sepse por V. vulnificus enfermaron por comer ostras crúas; na maioría dos casos eran homes.[29]
De acordo cos CDC, as infeccións por V. vulnificus no leste dos Estados Unidos multiplicáronse por 8 no período 1988–2018 e o límite no que ocorrían estas infeccións migrou 48 km cara ao norte cada ano. En xullo-agosto de 2023, Connecticut, Nova York e Carolina do Norte, informaron de infeccións mortais por esta bacteria.[30]
Aínda que o tratamento contra V. vulnificus consiste en elixir apropiadamente os antibióticos, hai casos nos cales os antibióticos non son efectivos. Descubríronse mutacións en xenes bacterianos que afectan ao seu flaxelo. Cando se lle inxectan a ratos bacterias mutantes para os xenes dos compoñentes flaxelares flgC e flgE, o flaxelo xa non funciona axeitadamente, polo cal a bacteria xa non se pode mover e espallar as toxinas polo corpo, diminuíndo así o efecto sistémico causado por V. vulnificus.[31]
O patóxeno foi illado en 1976 nunha serie de mostras de cultivos celulares enviadas aos CDC de Atlanta.[6] Describiuse como un "vibrio positivo para a lactosa".[6] Déuselle inicialmente o nome de Beneckea vulnifica,[1] que finalmente en 1979 J. J. Farmer cambiou a Vibrio vulnificus.[2]