Vickers Viking/Vulture/Vanellus | |
---|---|
Tipo | biplano anfibio |
Fabricante | Vickers/Canadian Vickers |
Primeiro voo | 1919 |
Produción | 1919 - 1923 |
Unidades construídas | 31 (Viking) 2 (Vulture) 1 (Vanellus) |
O Vickers Viking foi un avión anfibio británico dun só motor deseñado para uso militar e usado pouco despois da primeira guerra mundial. Versións posteriores da aeronave foron coñecidas como o Vickers Vulture e o Vickers Vanellus.
A investigación sobre o primeiro tipo de avión anfibio de Vickers comezou en decembro de 1918 con probas de deseños alternativos de fuselaxe/casco nun tanque experimental en St Albans en Hertfordshire, Inglaterra. Un prototipo, con rexistro G-EAOV, era un biplano cunha cabina de cinco asentos e cunha hélice en posición de impulso movida por un motor Rolls-Royce Falcon V 12 refrixerado por auga. Sir John Alcock morreu levando esta aeronave á exposición de París o 18 de decembro de 1919, mentres tentaba aterrar en Côte d'Evrard, preto de Ruán, Normandía, no medio da brétema.[1][2]
O seguinte exemplar, o G-EASC e coñecido como o Viking II, tiña unha maior envergadura e un motor de 360 CV Rolls-Royce Eagle VIII. O Viking III, pilotado polo capitán Stan Cockerell, gañou o primeiro premio na clase de anfibios nas competicións do Ministerio do Aire celebradas en setembro e outubro de 1920.
O Type 54 Viking IV incorporaba máis refinamentos e tiña unha cabina máis ampla sobre un casco 1 pé máis ancho. Un exemplar desta variante foi o G-EBBZ no cal Ross Smith e J.M. Bennett (compañeiros no voo Inglaterra a Australia de 1919) morreron o 13 de abril de 1922 xusto fóra da pista de carreiras de Brooklands preto de Weybridge en Surrey. A meirande parte destes Mark IV Vikings tiñan un motor Napier Lion.[3]
A seguinte variante foi o Viking V, do cal dúas unidades foron construídas para a RAF para servir en Iraq.
Un novo desenvolvemento, cunha estrutura de á redeseñada e usando o Napier Lion de 450 CV, sería o Viking VI (denominación Vickers Type 78), pero coñecido como o Vulture I. Un segundo cun motor de 360 CV Rolls-Royce Eagle IX foi o Type 95 Vulture II. Ámbolos dous Vultures usáronse para realizar unha volta ao mundo sen éxito en 1924 despois de substituír o motor do Vulture II por un motor Lion. Co rexistro G-EBHO, o primeiro partiu da base de hidroavións de Calshot o 25 de marzo de 1924, o outro foi enviado como máquina de reposto a Toquio. Tras dificultades mecánicas nas primeiras etapas, o G-EBHO esnafrouse en Akyab, onde foi substituído por G-EBGO o 25 de xuño. Tras atoparse cunha forte néboa no lado siberiano do mar de Bering, o G-EBGO estrelouse tamén.[4]
O Viking Mark VII (Type 83 segundo a designación de Vickers) foi un desenvolvemento do Vulture, un observador da frota con tres asentos nunha cabina aberta para a Especificación 46/22 do Ministerio do Aire. O avión recibiu o nome de servizo Vanellus cando a RAF o avaliou contra o deseño do Supermarine Seagull.[4]