Villa Diodati

Vista da Villa Diodati.

A Villa Diodati é unha mansión situada en Coligny, moi preto de Xenebra e a carón do lago Léman.

Verán de 1816

[editar | editar a fonte]

É coñecida principalmente porque Lord Byron, acompañado polo seu médico persoal, John Polidori, hospedou na súa residencia a Mary Shelley e o seu home, Percey Shelley, aínda que por entón Mary e Percey aínda non estaban casados; el acababa de ser desherdado polo seu pai tras abandonar a súa muller e fillos para poder estar coa súa amada de 16 anos. O ano 1816 pasou á historia como o ano sen verán[1], por culpa da erupción do volcán Tambora que enrareceu a atmosfera durante todo o ano. Confinados baixo o teito da vila, as conversas xiraban arredor do galvanismo e outros temas relacionados co ocultismo. Os catro, acompañados eventualmente pola medio irmá de Mary, remataron por retarse nunha competición para saber quen era capaz de escribir a mellor historia de terror[2]. Só Frankenstein ou o moderno Prometeo de Shelley[3] e The Vampyre[4] de Polidori chegaron a cristalizar. A propia autora explica moitos destes acontecementos no prólogo da súa obra.

Outras épocas da villa

[editar | editar a fonte]

A villa comezou chamándose Villa Belle Rive, pero despois de que o tradutor Giovanni Diodati e a súa familia a habitaran quedaría vinculada a ese apelido para sempre. Frecuentemente coméntase que o poeta John Milton visitou a propiedade en 1634, pero este feito é discutido porque a Villa Diodati actual está datada en 1710[5].

En 1945 o pintor Balthus viviu alí unha tempada[6]. No 2011 o New York Times informaba de que a construción fora dividida en varios apartamentos[7].

A pesar de pertencer a mans privadas e non ser un espazo visitable, a Villa Diodati segue sendo a día de hoxe lugar de peregrinación de moitos admiradores de Shelley e Byron ó seu carón existe un pequeno miradoiro dende onde se pode ver tanto o lago Leman como a casa.

  1. Fonseca, Xavi (25-5-2014). "1816: El auténtico año sin verano". La Voz de Galicia. Consultado o 3-9-2016. 
  2. "Una noche, hace 200 años...". Consultado o 3-9-2016. 
  3. Traducida do inglés por Fernando Rafael Tato Plaza e publicada por editorial Galaxia en 1999.
  4. "The Vampyre". Goodreads. Consultado o 3-9-2016. 
  5. Clark, William S (1935). Milton and the Villa Diodati. Review of English Studies. 
  6. Bal, Mieke (2008). Balthus: Works and Interviews. Distributed Art Pub Incorporated. p. p.156. ISBN 978-84-343-1165-7. 
  7. Perrottet, Tony (27-5-2011). "Lake Geneva as Shelley and Byron Knew It". The New York Times. ISSN 0362-4331. Consultado o 3-9-2016. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]