Enténdese por violencia obstétrica calquera conduta, por acción ou omisión, que realizada por persoal da saúde afecte o corpo e os procesos reprodutivos das mulleres, como o trato deshumanizado, a medicalización inxustificada e a patoloxización de procesos que son naturais.[1]
Segundo as opinións da avogada estadounidense Farah Diaz-Tello, a violencia obstétrica é unha violación dos dereitos humanos das mulleres, unha transgresión á non discriminación, á liberdade e á seguridade da persoa, tamén constitúe unha violación á saúde reprodutiva e á autonomía, así como do dereito á ausencia dun trato cruel, inhumano e degradante.[2]
A primeira referencia do termo apareceu no ano 1827, nunha publicación en inglés, como crítica ás prácticas brutais habituais nos paritorios.[3]
A Organización Mundial da Saúde emitiu unha declaración no 2014 para previr e erradicar a falta de respecto e os malos tratos durante a atención ao parto nos centros de saúde a nivel global.[4]
Existe a posibilidade de considerar violencia obstétrica prácticas como o tacto realizado por máis dunha persoa, a episiotomía como procedemento de rutina, o uso de fórceps, a manobra de Kristeller, o raspaxe de útero sen anestesia, a cesárea sen unha verdadeira xustificación médica ou a subministración de medicación innecesaria.
O recurso á cesárea, xeralmente, é a práctica máis criticada como medio de acelerar innecesariamente un parto que se presenta sen complicacións.[5], ademais de ser unha práctica moi utilizada.
A violencia obstétrica psicolóxica maniféstase nun trato deshumanizado por discriminación, burlas ou críticas á muller ou ao seu fillo.
O termo violencia obstétrica non é aceptado polos profesionais da saúde, moitos profesionais argumentan que é contrario á súa ética. Tamén se obxecta que algunhas prácticas presentan máis beneficios que riscos no caso de que se apliquen de xeito temperán, de feito afirman que atrasalas pode facer que resulten ineficaces se se evidencian necesarias.[5]