Voo 203 de Avianca | |
---|---|
![]() O avión atacado
| |
Resumo | |
Data | 27 de novembro de 1989 |
Causa | bomba |
Lugar | Cerro Canoas, Soacha |
Coordenadas | |
Orixe | aeroporto El Dorado |
Destino | aeroporto Alfonso Bonilla Aragón |
Finados | 110 (3 en terra) |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | Boeing 727-21 |
Operador | Avianca |
Rexistro | HK-1803 |
Pasaxeiros | 101 |
Tripulación | 6 |
Superviventes | 0 |
O voo 203 de Avianca era un voo domésico de pasaxeiros entre o aeroporto Internacional El Dorado en Bogotá e o aeroporto internacional Alfonso Bonilla Aragón en Cali, Colombia. O día 27 de novembro de 1989 o Boeing 727-21 que operaba a ruta foi esnaquizado por unha bomba sobre o municipio de Soacha.[1] As 107 persoas a bordo, ademais de tres persoas en terra, morreron tralo estoupido. O atentado fora ordenado polo cártel de Medellín coa intención de acabar coa vida do candidato presidencial César Gaviria Trujillo, pero este non se atopaba no avión.[2]
O aparello era un Boeing 727-21 con rexistro HK-1803, número de serie 19035, e número de serie de fabricación 272. O avión fabricárase en 1966 e realizou o seu voo de estrea o día 19 de maio dese ano. O 727 estaba equipado con tre motores turboventilador Pratt & Whitney JT8D-7 capaces de desenvolver 5 400 kg de pulo. O aparello entregouse a Pan Am o 28 de maio e foi rexistrado como N326PA. Avianca mercou o avión o 15 de novembro de 1975, cando foi rexistrado como HK-1803.[3][4]
O capitán era José Ignacio Ossa Aristizábal, o primeiro oficial Fernando Pizarro Esguerra, e o enxeñeiro de voo Luis Jairo Castiblanco Vargas. Ademais había tres asistentes de voo a bordo do avión.[5]
O voo 203 engalou de Bogotá ás 7:13 am. Aos cinco minutos, a unha velocidade de 794 km/h e a unha altitude de 4 000 m, estoupou unha carga exlosiva causando que os vapores de combustible no tanque central, que estaba baleiro, prendesen lume. Testemuñas en terra dixeron ver aparecer lume no lado dereito da fuselaxe do avión. Un segundo estoupido esnaquizou o avión; a sección dianteira separouse da cola que caeu en chamas. Os restos esparexéronse nun radio de tres millas ao redor da cidade de Soacha. As 107 persoas a bordo morreron, así como tres persoas en terra que foron impactadas por restos do avión cando caían.[3][6]
Unha investigación determinou que se usaron explosivos plásticos para derrubar o avión.[7] O capo da droga Pablo Escobar, do cártel de Medellín, planeou o atentado no período previo ás eleccións colombianas de 1990, coa intención de matar ao candidato César Gaviria Trujillo.[8][2]
Un relato afirma que dous homes de traxe que traballaban para Escobar introduciron a bomba no avión. Os homes sentáronse nos asentos 18A e 18K, situados sobre o principal tanque de combustible. No último momento un deles deixou o avión, mentres que o outro quedou a bordo. Este chamábase Alberto Prieto e supostamente foi enganado para quedar no avión e activar a bomba unha vez que o aparello estivese no aire, aínda que el non o sabía pois pensaba que levaba un dispositivo para gravar as conversas dunha parella sentada preto del.[9]
A pesar do que pensaba Escobar, Gaviria non estaba no avión e chegaría a converterse no presidente de Colombia.[8] Dous cidadáns estadounidenses estaban entre os pasaxeiros, levando á administración Bush a iniciar operacións de intelixencia para atopar a Escobar.[8][10]