Voo 3704 de Iran Aseman | |
---|---|
![]() O avión do accidente en 2006
| |
Resumo | |
Data | 18 de febreiro de 2018 |
Causa | baixo investigación |
Lugar | Dena Massif, montes Zagros preto de Semirom, Irán |
Coordenadas | |
Orixe | aeroporto de Mehrabad |
Destino | aeroporto de Yasuj |
Finados | 65 |
Feridos | 0 |
Aeronave | |
Tipo de aeronave | ATR 72-200 |
Operador | Iran Aseman Airlines |
Rexistro | EP-ATS |
Pasaxeiros | 59 |
Tripulación | 6 |
Superviventes | 0 |
O voo 3704 de Iran Aseman foi un voo doméstico regular iraniano de pasaxeiros dende Teherán ata Yasuj operado pola aeroliña Iran Aseman Airlines. O 18 de febreiro de 2018, o avión que realizaba o voo, un ATR 72-200, esnafrouse contra o monte Dena, nos montes Zagros, preto da vila de Noqol na provincia de Esfahan.[1] A totalidade dos 59 pasaxeiros e 6 tripulantes a bordo morreron.[2][3][4][5] Rescatadores a bordo de helicópteros da Forza Aérea dos Corpos da Garda Revolucionaria Islámica atoparon os restos do avión dous días despois do accidente.[6]
O aparello involucrado no accidente era un ATR 72-212 con número de serie 391. Tiña o rexistro EP-ATS e fora entregado a Iran Aseman Airlines no ano 1993. Nos seus 24 anos de servizo coa aeroliña a avión non rexistrara ningún incidente serio.[5][7]
Unha fonte iraniana informou de que o avión reiniciara recentemente as súas operacións despois de estar fóra de servizo durante sete anos debido á falta de pezas de reposto, e que tivera problemas técnicos nun voo semanas antes do accidente. Afirmouse tamén que unha publicación de Instagram da aeroliña dous meses antes do accidente anunciaba a volta ao servizo do aparello, pero esta foi borrada tras o accidente.[2]
No momento do accidente Iran Aseman tiña seis avións ATR na súa frota, dos cales tres estaban realizando operacións.[2]
Este accidente é o sexto con vítimas mortais do ATR 72 nunha década que deixaron un total de 306 mortos.[8]
O avión estaba operando un voo doméstico regular de pasaxeiros dende o aeroporto de Mehrabad en Teherán ata o aeroporto de Yasuj.[9] Engalou de Teherán ao redor das 04:30 UTC e esnafrouse no monte Dena sobre unha hora despois.[4] Os seus 65 ocupantes, 59 pasaxeiros e 6 tripulantes, presumiblemente morreron.[2] Segundo a páxina web de seguimentos de voos Flightradar24, o derradeiro sinal do avión foi recibido xusto antes das 05:56 UTC, cando se atopaba a unha altura de 16 975 pés (5 174 m) e estaba descendendo.[10] O derradeiro contacto de radio que o control de tráfico aéreo (ATC) tivo coa tripulación foi poucos minutos antes, ás 09:22 hora local (05:52 UTC), cando o ATC autorizou ao avión a descender de nivel de voo dende unha altura de 21 000 pés a 17 000.[5]
Habitantes da zona informaron que escoitaron ao avión chocando contra a montaña, pero debido á neboa os helicópteros de rescate non puideron chegar ao lugar do accidente nos montes Zagros. O monte Dena, onde se esnafrou o avión, é realmente unha cordilleira dentro dos montes Zagros; ten 80 qulómetros de longo con varios picos, o máis alto deles de 4 409 metros.[5] As condicións meteorolóxicas no lugar do accidente, incluída neve e fortes ventos, obstaculizaron aos servizos de busca e rescate.[5]
Rescatadores a bordo de halicópteros dos Corpos da Garda Revolucionaria Islámica atoparon os restos do avión dous días despois do accidente,[6] o 20 de febreiro, a 30 metros baixo o pico das montañas ao sur de Noqol a unha altura duns 4 000 metros.[6]
O día 3 de marzo funcionarios iranianos anunciaron que atoparan a gravadora de datos de voo.[11]