Voto de Santiago

Voto de Santiago é o nome do compromiso que supostamente se adquiriu polos monarcas da Galicia alto-medieval coa igrexa compostelá debido á vitoria na mítica batalla de Clavijo[1], na que o propio apóstolo Santiago interviría fisicamente no seu favor nun momento de particular perigo, cambiando a sorte que parecía decidida a favor dos exércitos enviados pola España musulmá.

Santiago Matamoros en Carrión de los Condes.

O compromiso consistía, no material, no pago dun imposto que debían pagar, incrementando o xa debido á igrexa en concepto de décimos e primicias, nun décimo máis de cereal cuxo beneficiario sería o arcebispado de Santiago, todos os labregos dun territorio xigantesco que comprendía desde Galicia ata a Rioxa. Espiritualmente, Santiago quedaba convertido en patrón de España, calidade que se lle segue recoñecendo anualmente, cun acto relixioso na catedral de Santiago de Compostela, á que acode até hoxe en día o rei de España ou alguén no seu nome (adoitan facelo o presidente da comunidade autónoma de Galicia, un ministro...).

Na Idade Media, intentouse "facerlle a competencia" por outras instancias eclesiásticas: Gonzalo de Berceo reclamaba para San Millán da Cogolla o copadronado e as mesmas condicións económicas, por ter supostamente intervido tamén na batalla.

As Cortes de Cádiz aboliron o voto en 1812, xunto cos privilexios do Antigo Réxime, e en plena guerra civil española (que comezou o 18 de xullo de 1936, sete días antes da festa de Santiago), Francisco Franco reinstaurouno, só coas consecuencias simbólicas que continúan hoxe en día.

Historicidade

[editar | editar a fonte]

O carácter posibelmente apócrifo desta lenda únese á propia batalla de Clavijo na que non se pode separar a historicidade da lenda. Tanto a batalla como o Voto non aparecen mencionados nas crónicas até o século XII e non se coñece nin a data nin o lugar da batalla (supostamemente na Rioxa). Un acontecemento tan importante para a cristiandade é altamente improbábel que non fose mencionado en 400 anos. Ademais existen numerosas contradicións nos documentos nos que hipoteticamente se estabelece o imposto (entre eles que o nome da raíña fose Urraca, nome da muller de Ramiro II).

A memoria da batalla realmente só aparece na crónica do bispo Rodrigo Ximénez de Rada De rebus Hispaniae (Cronicón das cousas sucedidas en España), tamén coñecida como Historia gothica ou Crónica do toledano, na que se describe a historia da Península Ibérica ata 1243.

A batalla tería lugar no denominado "Campo da Matanza" nas proximidades de Clavijo (A Rioxa) o 23 de maio do ano 844. A verdade do feito é discutida desde antigo pola crítica histórica. Gregorio Mayáns e Francisco Cerdá e Rico, no século XVIII, deixaron claro que pertencía ao campo da fantasía, como os chumbos do Sacromonte ou os cronicóns do Pai Higuera, o que lles causou non poucos problemas.

As particulares circunstancias que rodean á batalla segundo a lenda, entre as que hai que engadir o que grazas á vitoria, os monarcas da Galicia alto-medieval deixou de pagar o anual tributo das cen doncelas ao emirato de Córdoba, motivarían que o rei Ramiro I, en Calahorra, concedese solemnemente o Voto de Santiago, co que se ofrecería cada ano á súa igrexa de Santiago as primeiras colleitas e vendimas, e como a un cabaleiro máis, repartiríase a Santiago unha parte do botín que se tomase a os mouros. Este Voto de Santiago renovouse e institucionalizou como ofrenda nacional en 1643 para o día da súa festa, o 25 de xullo, con Filipe IV. A iconografía do Santiago Matamouros, montado nun cabalo branco que arroia a un sarraceno e brandindo unha espada, perpetuouse na pintura e escultura española, estando presente sobre todo nas igrexas da ruta xacobea.

Oposición

[editar | editar a fonte]

Este foi sempre un imposto moi impopular, e axiña houbo oposición a pagalo, xa en 1304 tivo Fernando IV que estabelecer:

algunos de vos que non queredes dar () los votos, segunt que devedes et se contiene en el privilegio del rey don Ramiro

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

A copia máis antiga do texto é do século XII e consérvase na Catedral de Santiago. Dise que o diploma orixinal (sic) de Ramiro I "extraviouse en 1543 ao ser presentado na Chancelaría de Valladolid con motivo dun preito contra a vila de Pedraza. Con todo, existen varias copias, entre outras unha procedente do Mosteiro de Corias, en Asturias, que se conserva na Biblioteca Nacional de Madrid. Versión do texto latino Arquivado 28 de setembro de 2007 en Wayback Machine."

  1. El voto de Santiago, Ofelia Rey Castelao http://www.vallenajerilla.com/berceo/reycastelao/votodesantiago.htm