Xeografía de Escocia

Mapa topográfico de Escocia.

A xeografía de Escocia é moi variada, dende as terras baixas do rural ata as terras altas ermas, e dende as grandes cidades ata as illas deshabitadas. Localizada no Norte de Europa, Escocia comprende o terzo norte da illa de Gran Bretaña así como 790 illas, nas que se inclúen as dos grandes arquipélagos das Illas Shetland, das Órcadas e das Illas Hébridas interiores e exteriores.[1]

A única terra que fai fronteira con Escocia é Inglaterra, que percorre 97 km en dirección nordeste dende o Fiorde de Solway ata o Mar do Norte na costa leste.[2] Separada pola Canle do Norte, a illa de Irlanda está a 31 km da punta suroeste das terras escocesas.[2] Noruega está localizada a 310 km ó norete de Escocia cruzando o Mar do Norte. O océano Atlántico, que bordea a costa oeste de Escocia e as illas do norte, inflúe no clima temperado e marítimo do país.[3]

A topografía de Escocia distínguese pola Falla das Highland, que atravesa as terras de Escocia dende Helensburgh ata Stonehaven.[4] A liña de falla separa dúas rexións físicas, as Highlands no norte e no oeste, e as Lowlands do sur e leste.[5] A rexión máis accidentada das Highland contén a maioría das zonas montañosas de Escocia, onde se sitúa o punto máis alto do país, Ben Nevis. As Lowland, na parte sur de Escocia, son máis chas e o fogar da maior parte da poboación, especialmente na estreita cintura entre Firth of Clyde e Firth of Forth coñecida como Cinto central.[5] Glasgow é a meirande cidade de Escocia, malia que Edimburgo é a capital e o centro político do país.[6]

A abundancia de recursos naturais como carbón, ferro e cinc contribuíron significativamente ó crecemento industrial de Escocia durante os séculos XIX e XX.[7] Na actualidade, a enerxía é un elemento fundamental da economía de Escocia.[8] Mentres Escocia é o meirande produtor de petróleo na Unión Europea, o potencial de produción de enerxías renovables emerxeu como un importante tema económico e medioambiental nos anos recentes.[8]

  1. "Scotland". Encyclopaedia Britannica. Consultado o 16 de agosto de 2007. 
  2. 2,0 2,1 Munro, D (1999). Scotland Atlas and Gazetteer. Harper Collins. pp. 1–2. 
  3. "Met Office: Scottish climate". Met Office. 2001. Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2007. Consultado o 20 de agosto de 2007. 
  4. "Overview of Highland Boundary Fault". Gazetteer for Scotland, University of Edinburgh. Consultado o 23 de agosto de 2007. 
  5. 5,0 5,1 "Loch Lomond to Stirling - the Highland Line". Scottish Natural Heritage (SNH). Arquivado dende o orixinal o 04 de setembro de 2012. Consultado o 23 de agosto de 2007. 
  6. "Mid 2004 Localities estimates - Localities in descending order of size" (PDF). General Register of Scotland (GROS). 2004. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 27 de setembro de 2007. Consultado o 23 de agosto de 2007. 
  7. Lynch, M (2001), Industry to 1770s; pp211 Oxford Companion to Scottish History
  8. 8,0 8,1 "A vision for the future of energy in Scotland". Speech by the Minister for Enterprise, Energy and Tourism, Jim Mather. Scottish Executive. 23 de maio de 2007. Arquivado dende o orixinal o 31 de xullo de 2013. Consultado o 24 de agosto de 2007.