Xoán o Ancián (tamén Xoán o Presbítero; do helenismo presbyteros, precisamente "ancián") foi un escuro personaxe da Igrexa antiga que unhas veces se identifica co Apóstolo Xoán e outras con Xoán de Patmos. Aparece en fragmentos do padre da Igrexa Papías de Hierápolis como unha das fontes do autor, e sen ningunha dúbida é distinguido do Apóstolo por Eusebio de Cesarea. A miúdo se suxire que pode ser un autor alternativo dalgúns dos libros que no Novo Testamento se atribúen a Xoán .
Xoán o Presbítero aparece nun fragmento de Papías, bispo de Hierópolis no século II, quen publicara en cinco volumes unha "Exposición sobre os ditos do Señor" (en grego κυριακῶν λογίων ἐξηγήσις, Kyriakôn logiôn exêgêsis). Esta obra perdeuse mais fican fragmentos citados por Ireneo de Lión (202) e Eusebio de Cesarea (339).
Un destes fragmentos citados por Eusebio na súa Historia da Igrexa (Libro III, capítulo 39), di:
"Pero non me negarei a escribir, xunto coas miñas interpretacións, cantas instrucións recibira con coido dos anciáns e que gardei con coido na memoria, á vez asegurándoche a súa verdade. Porque eu non me compracía, como a multitude, nos que falaban moito, senón nos que ensinaban a verdade; nin en aqueles que daban mandamentos estraños, senón nos que repetían os que o Señor dera para a nosa fe e que proceden da verdade mesma. Se, entón, viña calquera dos que seguiran aos anciáns, eu inquiría minuciosamente nos ditos deles: que dixera Andrés, que Pedro, que Filipe, que Tomé ou Santiago, ou qué Xoán ou Mateu ou calquera outro dos discípulos do Señor; o que din Aristión e o ancián Xoán, discípulos do Señor. Porque eu cría que aquilo que se pode obter dos libros non me era tan proveitoso coma o que ven da voz viva e permanente."[1]
A interpretación deste texto ten basicamente dúas perspectivas: a de que Eusebio de Cesarea distingue entre dous Xoáns, o apóstolo e o ancián, e da que, como sostén a tradición da Igrexa, identifica só a un.
Eusebio, o historiador da Igrexa, mediante a devandita pasaxe, é o primeiro en distinguir inequivocamente un Xoán o Ancián dun Xoán o Apóstolo. Presenta a cita coas seguintes palabras:
Ademais, o propio Papías, na introdución aos seus libros, manifesta que non era el mesmo un oínte e testemuña ocular dos santos apóstolos; senón que nos di que recibiu as verdades da nosa relixión dos que estaban familiarizados con eles [os apóstolos].[2]
Despois de citar a Papías, Eusebio continua:
Paga a pena observar aquí que el enumera dúas veces o nome de Xoán. O primeiro que menciona relaciónao con Pedro, Santiago, Mateu e o resto dos apóstolos, referíndose claramente o evanxelista; pero o outro Xoán menciónao despois dun intervalo, e colócao fora do resto dos apóstolos, pondo a Aristión diante del, e claramente chámao “ancián”.
Isto amosa que a afirmación de aqueles que din que é o certo que había dúas persoas en Asia que tiñan o mesmo nome, e que había dúas tumbas en Éfeso, cada unha das cales, incluso hoxe, chámanse de Xoán. É importante ter en conta isto. Pois é probable que fora o segundo, se non se estiver disposto a admitir que era o primeiro, quen viu a revelación, a quen se lle atribúe ao nome de Xoán.
E Papías, de quen estamos falando agora, confesa que recibiu as palabras dos apóstolos dos que os seguiron, pero di que el mesmo era un oínte de Aristión e do ancián Xoán. Polo menos el menciónaos con frecuencia polo nome, e dá as tradicións deles nos seus escritos. Esas cousas, esperamos, non foran aducidas inútilmente por nós.
Eusebio identifica a Xoán o Ancián como o autor do Libro da Apocalipse, cuxa canonicidade discute pois desacorda co seu contido, especialmente co milenarismo implícito no "reino do milenio".
O padre da Igrexa Xerome de Estridón toma o punto de vista de Eusebio no seu De Viris Illustribus ("Sobre os homes ilustres"). No capítulo 9, que trata ao Apóstolo Xoán e os seus escritos, atribúelle tanto o Evanxeo de Xoán como a Primeira Epístola, e continúa a dicir:
As outras dúas [Epítolas] das cales a primeira é "O ancián á señora elixida e aos seus fillos" e a outra "O ancián a Gaio o amado, a quen amo na verdade," dise que son a obra de Xoán o Ancián a cuxa memoria hoxe se amosa outro sepulcro en Éfeso, aínda que algúns pensan que hai dúas tumbas do mesmo Xoán o Evanxelista.[3]
No capítulo XVIII, contradicindo a Papías, Xerome repite a devandita pasaxe e continúa:
Parece, segundo este catálogo de nomes, que o Xoán colocado entre os discípulos non é o mesmo que o ancián Xoán a quen na súa enumeración pon despois de Aristión. Dicimos isto ademais debido á opinión mencionada enriba, onde rexistramos que moitos declaran que as últimas dúas epístolas de Xoán son obra non do Apóstolo, senón do Ancián.[4]
A atribución de Xerome da Segunda Epítola de Xoán e a Terceira Epístola de Xoán faise eco do texto destes libros, nos que o autor se auto-refire como "ho presbyteros", que pode ser traducido como "o presbítero", "o maior", "o ancián", "o vello", a mesma palabra que usa Papías.
O Decretum Gelasianum asociado co Papa Xelasio I, aínda que posterior a el, segue a Xerome aceptando que unha carta é de Xoán o Apóstolo e dúas outras de Xoán o Ancián.
En tempos modernos, a distinción a miúdo reviviu, sobre todo –e contrastando claramente coa perspectiva de Eusebio– "para apoiar a negación da orixe apostólica do Cuarto Evanxeo ",[5] cuxa "beleza e riqueza" algúns estudosos achan difícil de atribuír a un "pescador de Galilea".[6]
Gran parte da tradición da Igrexa atribuíu directamente todos os libros do Xoán do Novo Testamento a un único autor, o apóstolo Xoán. A opinión exposta por Eusebio non permaneceu incontestada. A Enciclpedia Católica dos anos '90, por exemplo, afirmaba que a distinción "non ten base histórica".[5] Para apoiar esta opinión, propón catro argumentos:
Na súa "Carta a Florino", da que se conserva un fragmento, Ireneos fala de "Policarpo que recibira así [información] das testemuñas oculares da Palabra de vida " e de Xoán como "aquel ancián bendito e apostólico ".[9][10]
Recentemente Richard Bauckham, no seu libro Jesus and the Eyewitnesses ("Xesús e o testemuño ocular"), argumentou a favor de distinguir entre o Apóstolo Xoán e Xoán o Ancián mediante un novo compromiso coa evidencia que proporcionan Papías, Eusebio, Ireneo, Polícrates de Éfeso e o canon muratori.
Bibliografía en inglés