You Are There é unha serie de divulgación histórica estadounidense emitida orixinalmente para a radio, na CBS Radio e da que máis tarde se fixo unha serie para a televisión, emitida na rede da CBS Television.
A serie para a radio creouna Goodman Ace, axuntando a historia coa tecnoloxía moderna, cada programa consistía nun noticieiro en vivo que trataba algún dos grandes eventos do pasado, dramatizándoos e mesturando as convencións da investigación histórica co xornalismo de investigación, e coa participación de xornalistas coñecidos como John Charles Daly, Don Hollenbeck ou Richard C. Hottelet. A estrea da serie foi o 7 de xullo de 1947 co título de CBS Is There, a partir do episodio 24 utilizou a denominación "You Are There". O último episodio difundiuse o 19 de marzo de 1950. Dos 90 episodios emitidos consérvanse 75[1].
O 1 de febreiro de 1953 emitiuse o primeiro programa da serie de televisión, con Walter Cronkite como o presentador habitual, seguindo o mesmo esquema que na radio, emitíanse en directo, aínda que moitos dos últimos episodios producíronse en filme. O derradeiro episodio emitiuse o 13 de outubro de 1957.