Ética feminista é unha abordaxe ética que se basea na crenza de que, tradicionalmente, a teoría ética ten desvalorizado ou menosprezado a moral das mulleres e as súas experiencias e, polo tanto, escolle reinventar a ética a través dunha abordaxe e visión holística feminista.[1]
As filósofas feministas critican a ética tradicional como preminentemente enfocada na perspectiva dos homes, con pouca consideración ó punto de vista das mulleres. Cuestións de coidado e moralidade na vida privada e familiar, as responsabilidades eran tradicionalmente consideradas como asuntos triviais. Xeralmente, as mulleres son retratadas como eticamente inmaturas e superficiais en comparanza cos homes. A ética tradicional premia trazos masculinos culturais como "a independencia, a autonomía, o intelecto, as ganas, a desconfianza, a xerarquía, a dominación, a cultura, a transcendencia, o produto, o ascetismo, a guerra e a morte",[2] e dá menos peso a trazos culturalmente femininos como "interdependencia, comunidade, conexión, repartición, emoción, corpo, confianza, ausencia de xerarquía, a natureza, a imanencia, o proceso, a alegría, a paz e a vida."[2] A ética tradicional é convencionalmente orientada ó "macho", e a razón moral é visualizada a través dun cadro de regras, dereitos, universalidades e imparcialidades. As abordaxes "femininas" para a razón moral enfatiza as relacións, responsabilidades, particularidades e parcialidades.[2]
A base principal desta ética é a concepción do mundo como unha rede de relacións nas que se inserta o "eu". Neste contexto pódese salientar a definición de coidado ofrecida por Tronto e Bernice Fisher, que o interpretan como unha actividade que inclúe todas as accións que acometemos para manter, conter e reparar o mundo para que así poidamos vivir nel. Este mundo incluiría os nosos corpos, nós mesmos e a nosa contorna. Esta ética xorde como alternativa lexítima á perspectiva da xustiza da teoría liberal dos dereitos humanos.
Estas éticas están tradicionalmente atribuídas ás mulleres e ao feminismo pola súa relación coa maternidade. Por exemplo, Gilligan afirma que "a sensibilidade das necesidades dos demais e o asumir a responsabilidade por coidar deles, levan ás mulleres a escoitar voces distintas ás súas e a incluír nos seus xuízos outros puntos de vista", así a forza moral das mulleres resulta "nunha preocupación predominante polas relacións e responsabilidades".
Carol Gilligan e Nel Noddings son expoñentes dunha ética do coidado feminista que critica a ética tradicional como deficiente na medida en que carece, despreza, banaliza ou ataca os valores e virtudes culturais das mulleres. No século XX, as éticas feministas desenvolveron unha variedade de enfoques feministas da ética centrados no coidado, en comparación cos enfoques da ética non feministas centrados no coidado, as feministas tenden a apreciar máis plenamente o impacto das cuestións de xénero. As éticas feministas centradas no coidado notan as tendencias das sociedades patriarcais a non apreciar o valor e os beneficios das formas de amar, pensar, traballar e escribir das mulleres e tenden a ver ás mulleres como subordinadas.
Dende outras posicións feministas, con todo, rexeitase á ética do coidado, e defendese que a liberación da muller é un asunto de xustiza. Estas posicións defenden a formulación de principios universalistas, que deben de levar ó rexeitamento dunha prespectiva androcéntrica que exclua ou desvalorice ás mulleres. Céntrase na idea de que o sexismo e o patriarcado son inxustos, a súa característica principal é a defensa de que cada quen reciba o que lle debería de tocar, o que sería incompatible co que implica o sexismo e máis as súas consecuencias, polo que deberían de ser rexeitados.