A pantasma da liberdade | |
---|---|
Ficha técnica | |
Título orixinal | Le fantôme de la liberté |
Director | Luis Buñuel |
Produtor | Serge Silberman |
Guión | Luis Buñuel Jean-Claude Carrière |
Intérpretes | Jean-Claude Brialy, Monica Vitti, Milena Vukotic, Michael Lonsdale, Pierre-François Pistorio, Hélène Perdrière, Marie-France Pisier, Adriana Asti, Jean Rochefort, Julien Bertheau, Michel Piccoli |
Fotografía | Edmond Richard |
Montaxe | Hélène Plemmianikov |
Estrea | 1974 |
Duración | 104 min. |
Orixe | Francia |
Xénero | Drama |
Na rede | |
A pantasma da liberdade (en francés, Le fantôme de la liberté) é un filme coproducido entre Francia e Italia, dirixido en 1974 por Luis Buñuel. Trata dunha película na que os fantasmas habituais no cine de Buñuel aparecen en todo o seu apoxeo e na que se retoman algúns temas e constantes propios do surrealismo. Distintas historias entrecrúzanse, saíndo temas como a relixión, o poder, as convencións sociais.
A película divídese en 14 capítulos unidos por un personaxe distinto. Buñuel xa probara esta forma de dirixir en L'âge d'or, cos amantes como fío condutor. A historia comeza en Toledo, en 1808, cando as tropas napoleónicas asaltan a cidade. Un dos soldados bica a estatua dunha muller e é agredido por outra dun home. O mesmo soldado, para vingarse, profana a tumba de dona Elvira. A voz en off dunha señora nárranos a historia; cando esta se encontra coa palabra "parafernalia", cambian o espazo e o tempo, e encontrámonos nun parque da actualidade.
Dúas cativas están cun home sospeitoso, supostamente pederasta, que lles entrega unhas postais aparentemente pornográficas. Nun apartamento, un home que resulta ser o pai dunha das nenas exclama "Non soporto a simetría" contemplando unha escena simétrica. Cando el e a súa dona descobren as postais da súa filla pódese ver que eran totalmente inofensivas, mais provocaran a excitación dos personaxes. Cando ambos van durmir, aparecen na habitación, por esta orde: un galo, unha muller cun reloxo de peto e unha candea, un carteiro con bicicleta, que lles entrega unha carta, e unha avestruz. Despois disto o home vai ao médico e este recoméndalle que vaia a un psicanalista. Unha enfermeira entra no despacho coa intención de que lle deixen saír antes para visitar o seu pai enfermo e troca o rumbo da historia.
En camiño, pola estrada, a enfermeira atópase cun tanque, e uns soldados, que lle preguntan se viu raposos polo camiño. Pasa a noite nun establecemento no que tamén se encontran varios monxes, un guitarrista e unha bailadora, un matrimonio masoquista e unha muller co seu amante, que é á súa vez o seu sobriño. Á mañá seguinte a enfermeira disponse a ir a Argenton; un home que se encontra alí pídelle amablemente se o pode levar. Cando os dous chegan a Argenton, o home despídese del e cambia novamente o curso da historia.
O home é un inspector de policía que se dirixe a unha academia de policía. O inspector conta aos seus alumnos unha cea que tivo coa súa muller e uns amigos na súa casa. Nesa cea os invitados sentábanse sobre retretes e empezaron a falar dos produtos tóxicos que contaminan o mundo. O inspector de policía érguese para ir ao cuarto de baño, onde se pon a comer. Dous dos alumnos comunican que se teñen que ir. Paran a un condutor que excede en velocidade e volve a cambiar o curso de la historia.
O condutor vai a unha cita co seu médico, este anúncialle que ten cancro e pouco despois ofrécelle un cigarro, o paciente dálle un lapote e vaise. O mesmo personaxe regresa a casa, recibe unha chamada telefónica e dinlle que a súa filla non está na escola. Cando chega ao colexio, xunto á súa muller e a coidadora, obsérvase que a súa filla está alí, mais por algunha razón non se dan conta. Os pais van a denunciar a desaparición á comisaría. O comisario dille a un dos axentes que vaia limparse os zapatos, este vainos limpar a unha zapataría; no momento en que sae dela a trama volve a cambiar e xira arredor do segundo cliente da zapataría.
O cliente é un francotirador que comeza a disparar indiscriminadamente ás persoas desde un trixésimo piso. O francotirador é detido e condenado a pena de morte. Trala sentenza o francotirador é liberado e posto en liberdade. Unha voz en off nárranos o proceso do francotirador. A situación volve a cambiar e chegamos ao último capítulo: o comisario informa ao pai da nena desaparecida de que a encontraron. Cando o comisario se dispón a ler o informe, a súa secretaria avísao de que ten unha reunión importante e vaise para un restaurante, sen ter rematado a lectura do informe. Unha muller entra no restaurante e o comisario, asombrado polo parecido físico que garda coa súa irmá morta, cóntalle a historia dun caloroso verán no que a súa irmá tocaba núa o piano. Mentres falan da morte da súa irmá, o camareiro recibe unha chamada para o comisario de parte de quen di ser a súa irmá. Tras darse conta de que realmente se trata da súa irmá, diríxese ao cemiterio a profanar o seu sartego.
O comisario é detido polos policías. Á mañá seguinte é levado ante outro segundo comisario, que ocupa o seu posto. Despois dunha conversa tranquila, ambos vanse ao zoolóxico, onde se escoitan berros dun grupo de xente dicindo "vivan as cadeas". O segundo comisario ordena aos seus homes cargar armas e logo o primeiro que disparen. Unha avestruz mira fixamente cara a cámara, mentres de fondo se escoitan badaladas e disparos.