Ad libitum é unha locución latina que significa literalmente “a pracer, á vontade” que poderiamos traducir como “como se queira”.[1] Con frecuencia aparece abreviado como ad lib. A expresión a bene placito (ó bo pracer dun) é aproximadamente sinónima e menos común. A súa forma italiana a piacere entrou na lingua vehicular musical. Este termo, como veremos a continuación, emprégase en distintas disciplinas como a música, a bioloxía ou a política.
Neste campo ad libitum é unha indicación musical que significa “á vontade” e pode aparecer en partituras e partichelas. Pode ter varios significados ó sinalar que o intérprete musical ou director ten á súa disposición unha variedade de criterios que pode adoptar con respecto a unha pasaxe determinada:[2][3]
A indicación a piacere ten un significado máis restrinxido, xeralmente en referencia a soamente os dous primeiros tipos de criterios. A música barroca, en especial, conta cun ad libitum escrito ou implícito, conforme ó cal a maioría dos compositores insinúan a liberdade que ten o intérprete e o director da orquestra. Para a música clásica posterior ó estilo barroco e o jazz, véxase cadenza. Foi un recurso empregado con frecuencia por Erik Satie.
Ad libitum emprégase tamén en psicoloxía e en bioloxía para referirse ó peso dun animal cando aínda non se lle impuxo ningún control sobre a súa alimentación. Un exemplo disto podería ser: “O peso ad libitum da rata foi de 320 gramos”. En estudos nutricionais, a frase denota o libre acceso dun animal á auga ou ó alimento cando deixamos que sexan as necesidades biolóxicas deste as que regulen o consumo.[4] Por exemplo: “Proporcionóuselle ás ratas acceso ad libitum a alimentos e auga.”
Nos estudos de campo da bioloxía tamén pode significar que a información foi obtida espontaneamente sen un método específico.
Nos prospectos e investigación clínica, a abreviación ad lib. indica que a administración depende da vontade do paciente.[5]
Ad libitum utilízase na liturxia católica cando se fai referencia a unha festa relixiosa ou memoria libre da celebración dun santo do santoral católico que se pode celebrar ou non, a consideración ou discreción do celebrante ou presidente da celebración litúrxica.
Por suposto tamén se emprega para referirse a decisións políticas que se toman “a piacere”, é dicir, centrándose nos intereses propios no canto de nos dos votantes.
Ad lib. emprégase para describir momentos individuais durante o teatro en directo cando un actor fala a través do seu personaxe usando palabras que non se atopan no texto da obra. Cando a actuación enteira se basea na creación espontánea o proceso chámase teatro improvisacional.
En películas o termo ad lib. refírese habitualmente a cando se interpola material non escrito no guión. Dustin Hoffman admitiu en entrevistas que a súa famosa frase “Estou camiñando aquí! Estou camiñando aquí” como “Ratso” Rizzo en Cowboy de medianoite fora ad libitum.