Agapanthoideae | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Agapanthus | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Distribución de Agapanthus.
| |||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||
Ver texto |
As Agapanthoideae son unha subfamilia de plantas monocotiledóneas pertencentes á familia das Amaryllidaceae, dentro da orde Asparagales, e que non inclúe máis que un só xénero, Agapanthus L'Hér. Son plantas herbáceas, rizomatosas, bastante robustas, nativas de Suráfrica, que poden ser facilmente recoñecidas polas súas follas acintadas, planas e bastante carnosas; pola súainflorescencia en umbela na extremidade dun longo escapo e polas súas flores xeralmente grandes con ovario súpero.
Nas clasificacións tradicionais das anxiospermas, Agapanthus dispúñase dentro dunha ampla circunscrición das liliáceas e actualmente algúns botánicos continúan tratándoo dese modo.[1] No entanto, as análises filoxenéticas baseadas no ADN e varios caracteres morfolóxicos indican que esta familia está separada non só da circunscrición actual das liliáceas, senón tamén doutras dúas familias estreitamente relacionadas: as aliáceas e as amarilidáceas. Por esa razón, foi recoñecida por sistemas de clasificación modernos, tales como o sistema de clasificación APG II do 2003, como unha familia separada ou como unha subfamilia dentro de Alliaceae sensu lato.[2] Na publicación de 2009, o sistema APG III reconfirmou o criterio de considerar as agapantáceas como unha subfamilia, Agapanthoideae, dentro da familia das amarilidáceas.[3][4]
O nome Agapanthus procede das palabras gregas agape, amor e anthos, flor e, polo tanto, significa "flor do amor". En países de fala inglesa é coñecida como "African Lily" ou "Blue Lily", en afrikaans é "bloulelie" ou "agapant", en xosa é denominada "isicakathi" e en zulú, "ubani". En castelán recibe varios nomes, tales como "lirio africano", "flor do amor", "tuberosa azul", aínda que o máis popular é "agapanto". En Costa Rica denomínase "agapanto" á especie ornamental Agapanthus africanus.[5]
Son plantas herbáceas, perennes, provistas de curtos rizomas e con follas arrosetadas, linear-oblongas, planas.
As flores son actinomorfas e hermafroditas, grandes, azuis ou brancas. O perigonio é infundibuliforme, composto por 6 tépalos soldados. O androceo está composto por 6 estames inclusos con filamentos filiformes e anteras oblongas. O ovario é súpero, trilocular, cos lóculos pluriovulados.
O froito é unha cápsula. As flores áchanse dispostas en inflorescencias que son umbelas, situadas na extremidade dun escapo áfilo, máis longo que as follas. As inflorescencias áchanse protexidas por brácteas unidas entre si ao longo dun dos seus lados.
O número cromosómico básico é x= 15, no entanto informáronse tamén x= 14 e x=16. Os cromosomas teñen unha lonxitude de 4 a 9 µm.
Con respecto á fitoquímica, todas as especies de Agapanthus producen fitoecdiesteroides, compostos que están relacionados coa defensa das plantas fronte ao ataque de insectos que se alimentan das súas follas.[6][7] Ademais, comprobouse que os extractos das especies deste xénero exhiben propiedades antifúngicas cunha acción moi efectiva contra patóxenos das plantas.[8]
Determináronse as estruturas químicas de dúas das principais antocianinas das flores azuis de Agapanthus, as cales representan os únicos exemplos coñecidos de pigmentos nos que o grupo acil aromático e o flavonoide están unidos covalentemente á antocianina.[9]
Agapanthus é un xénero oriúndo de Suráfrica. As especies perennifolias proveñen das rexións con choivas invernais da Provincia Occidental do Cabo e da Provincia Oriental do Cabo, substitúen anualmente algunhas follas con novas follas que crecen no ápice do talo. As especies de folla caduca proveñen das rexións de choivas estivais da Provincia Oriental do Cabo, KwaZulu-Natal, Lesoto, Estado Libre de Orange, Mpumalanga, Limpopo, Eswatini, Lesoto e Mozambique. Estas especies crecen rápido na primavera cando comezan as choivas e logo perden completamente as follas e permanecen en repouso durante o inverno.
Todas as especies do xénero distribúense en rexións con precipitacións medias anuais superiores aos 500 mm e desde o nivel do mar até os 2.000 msnm.
O xénero Agapanthus foi establecido por L'Heritier en 1788. Desde a súa creación, a inclusión do xénero nunha determinada familia foi materia de debate. Durante décadas Agapanthus foi disposto na familia Liliaceae, por exemplo, no Sistema de Cronquist (1981).[10] Logo foi trasladado á familia Amaryllidaceae e máis tarde novamente trasladado, á familia Alliaceae.
O Grupo para a Clasificación Filoxenética das Anxiospermas na súa publicación de 1998 aceptou a Agapanthaceae, Alliaceae e Amaryllidaceae como tres familias independentes dentro de orde Asparagales.[11] No traballo de 2003 (APG II) o recoñecemento de Agapanthaceae era opcional, xa que podían tamén ser incluídas dentro da familia Alliaceae sensu lato.[12] As alióideas están estreitamente emparentadas coas amarilidóideas e coas agapantóideas. De feito, os tres grupos son herbas bulbosas con inflorescencias terminais umbeladas, que teñen por baixo brácteas espatáceas e nacen nun conspicuo escapo, todas estas características probablemente son sinapomórficas. No entanto, Agapanthaceae non presenta o cheiro a allo característico de Alliaceae e as análises de ADN demostran que son máis próximas a Amaryllidaceae. Sepárase desta última familia, con todo, polo tipo de ovario, a presenza de saponinas e a ausencia de alcaloides típicos das amarilidáceas. Na publicación de 2009, o sistema APG III reconfirmou o criterio de considerar ás tres familias como parte dunha gran circunscrición de Alliaceae, relegando ás agapantáceas á categoría de subfamilia.[3] No entanto, no canto de conservarse o nome Alliaceae, que ten preeminencia, aceptouse a proposta do taxónomo e especialista en plantas bulbosas Alan W. Meerow de utilizar para este grupo o nome Amaryllidaceae.[13]
Agapanthus é un xénero moi variable, a pesar de que todas as especies teñen unha aparencia similar, con grosos rizomas, follas en forma de longas tiras ou bandas e inflorescencias en umbelas no extremo dun escapo máis alto que as follas. Os botánicos sempre atoparon dificultades para clasificar as especies deste xénero. En 1965, Frances Leighton presentou unha revisión de Agapanthus, na que recoñecía 10 especies en total. Catro delas perennifolias (A. africanus, A. comptonii, A. praecox e A. walshii) e seis deciduas ou de folla caduca (A. campanulatus, A. caulescens, A. coddii, A. dyeri, A. inapertus e A. nutans).
Actualmente, mediante caracteres como o contido de ADN nuclear, cor e vitalidade do pole e estudos morfolóxicos, considérase que A. comptonii é idéntico a A. praecox subsp. minimus, que A. walshii é unha subespecie de A. africanus, que A. dyeri é un sinónimo de A. inapertus subsp. intermedius e que A. nutans é idéntico a A. caulescens. Como resultado de todos estes estudos, moitas especies reduciron a sinonimia e outras categorizáronse como subespecies, polo que hoxe considérase que hai só dúas especies perennifolias (A. africanus e A. praecox) e catro especies caducifolias (A. campanulatus, A. caulescens, A. coddii e A. inapertus), o que fai un total de 6 especies, moitas das cales presentan unha ou máis subespecies.
As especies e cultivares de agapanto utilízanse como plantas ornamentais en parques e xardíns. Son especies sumamente adaptables, rústicas e de fácil cultivo, razón pola que son moi utilizadas en parques e xardíns de baixo mantemento. A época de floración é fins de primavera e verán. Aínda que toleran calquera tipo de chan, lógranse excelentes exemplares usando un chan profundo e fértil. Poden prosperar ben tanto a pleno sol como a media sombra. Requiren unha abundante rega na primavera e verán, máis espazado durante o inverno. Multiplícanse por sementes ou por división das matas no outono.[14][15]