Altri SGPS SA | |
---|---|
![]() | |
Tipo | Sociedade anónima |
Persoas clave | Paulo Fernandes, (presidente e director executivo) |
Industria | Papel, pasta de celulosa, industria da enerxía |
Produtos | Pasta de madeira branqueada, coxeración, centrais eléctricas alimentadas con biomasa. |
Na rede | |
http://en.altri.pt | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Altri SGPS SA é un conglomerado industrial portugués con sede no Porto. As principais empresas do grupo operan na produción de pasta de madeira, o cultivo de bosques para a industria da madeira e do papel e a coxeración de enerxía, incluíndo a produción de enerxía a partir de recursos renovábeis. Antes de 2008 o grupo tamén operaba na industria siderúrxica. O holding de Altri é Altri SGPS, SA., que cotiza na bolsa de valores Euronext Lisboa. As súas principais filiais son Celulose do Caima (industria do papel) e Celbi (industria do papel). A subsidiaria de Altri F. Ramada, que producía aceiro e sistemas de almacenamento como chapas e tiras de aceiro laminadas en frío, maquinaria, ferramentas e outros produtos relacionados, foi escindida como spin-off en bolsa en 2008. Altri naceu a partir dunha escisión dos activos industriais do grupo Cofina, logo chamado Medialivre, en marzo de 2005.[1]
O proxecto de construción dunha nova fábrica de celulosa en Palas de Rei, chamado proxecto Gama,[2] xerou unha ampla controversia debido a preocupacións ambientais, económicas e sociais.[3] O Consello da Xunta declarou este proxecto industrial como estratéxico en decembro de 2022, e a finais de 2023 a compañía presentou a documentación necesaria para a tramitación da autorización ambiental.[4]
A planta, que sería significativamente máis grande que outras instalacións similares en Galiza, xerou un debate sobre o seu impacto ambiental.[5] Os críticos do proxecto expresan preocupación polo consumo intensivo de auga que requirirá[6] e o impacto que isto terá sobre os ecosistemas locais e a biodiversidade, e especialmente relacionado co cultivo intensivo de eucalipto.[7]
A captación de auga prevista afectaría o río Ulla e, por extensión, a ría de Arousa, impactando a industria local da pesca e marisqueo.[5] Ademais, hai alarma polo potencial incremento da eucaliptización na zona, o que pode supoñer unha perda de biodiversidade e aumentar o risco de incendios forestais, un problema xa ben coñecido en Portugal.[8][9][10]
Tamén se sinalou a falta de comunicación e transparencia con respecto ao proxecto. Moitos residentes e propietarios de terras afectados senten que non foron adecuadamente informados ou consultados sobre a expropiación de terras para o proxecto, así como das implicacións para a agricultura e gandaría locais. En marzo de 2024 estivo aberto o prazo de alegacións,[4] e foron presentadas máis de 23.000 alegacións contra o proxecto.[11]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Altri |