Biografía | |
---|---|
Nacemento | 18 de xullo de 1927 Alhama de Granada, España |
Morte | 28 de febreiro de 2018 (90 anos) Madrid, España |
Residencia | Madrid |
Relixión | Ateísmo |
Actividade | |
Ocupación | avogado, crítico de arte, filósofo, xurista, profesor universitario |
Empregador | Universidade de Granada |
Antonio García-Trevijano Forte, nado en Alhama de Granada (Granada) o 18 de xullo de 1927 e finado en Madrid o 28 de febreiro de 2018,[1][2] foi un xurista, notario, avogado, político, crítico de arte e pensador republicano español, destacado polo seu activismo contra a ditadura franquista. Foi definido pola University Press of America como «unha figura destacada da política española dende finais dos anos sesenta e probablemente un dos intelectuais máis importantes do século XX en teoría política e estética».[3]
Pola súa actividade opositora contra a ditadura franquista, sufriu diversos procesamentos, encarceramentos e multas. Pola súa intervención na Conferencia Constitucional de Guinea Ecuatorial, foi procesado por alta traizón no Tribunal de Orde Pública. Tamén sufriu cinco retiradas de pasaporte, dúas importantes multas administrativas, tres detencións policiais, unha grave agresión por parte de elementos ultradereitistas enmascarados que irromperon no despacho do avogado madrileño José Manuel Muñoz Salvadores cando celebraba unha rolda de prensa xunto con outros seis avogados e o correspondente en Madrid do diario venezolano El Nacional (García-Trevijano sufriu a rotura de dúas costelas e a omoplata)[4][5][6] un novo procesamento ante o Tribunal de Orde Pública por un delito contra a forma de Estado (caso instruído polo xuíz Gómez Chaparro) e o encarceramento durante setenta e seis días no cárcere de Carabanchel pola súa acción política.[7][8] En 1974 impulsou a creación da Junta Democrática de España, da que foi coordinador executivo e redactor do seu manifesto.[9][10] Así mesmo, tivo un papel importante na fusión desta organización coa Plataforma de Convergencia Democrática, dando lugar á denominada Platajunta, que uniu nun só fronte a todas as forzas políticas de oposición ao réxime de Franco.[11] Ao impoñerse na transición española a opción da reforma da ditadura fronte á de ruptura democrática que defendía, abandonou a política activa.
Foi presidente da asociación Movimiento de Ciudadanos hacia la República Constitucional (MCRC), sendo frecuente activista político, opoñéndose ao sistema de partidos existente en España —ao que denominou «oligarquía de partidos estatais», «Estado de partidos» ou «partidocracia»—, á Constitución de 1978, como norma fundadora, e á monarquía de Filipe VI, como símbolo de unidade, do mesmo xeito que se opuxo á do seu pai Juan Carlos I, por non aceptar que este fora designado como xefe do Estado polo ditador Francisco Franco.[12]
García-Trevijano defendeu o establecemento en España dunha república constitucional, baseada na separación dos poderes do Estado –separación que debe ser en orixe entre o poder executivo e o poder lexislativo, mediante eleccións separadas–, na representación política dos gobernados e na independencia do poder xudicial, como forma de Estado capaz de garantir a democracia representativa.[13]
Publicou numerosos artigos nos principais periódicos españois e foi autor de varios libros sobre filosofía política, entre os que destaca a súa obra Teoría Pura de la República.