Avro Ashton | |
---|---|
Prototipo do Ashton | |
Tipo | avión experimental de pasaxeiros |
Fabricante | Avro |
Primeiro voo | 1 de setembro de 1950 |
Unidades construídas | 6 |
O Avro 706 Ashton foi un prototipo británico de avión de pasaxeiros a reacción fabricado por Avro durante os anos 50. Aínda que voou case un ano despois do de Havilland Comet, representou un programa experimental e nunha tivo a intención de converterse nun avión para uso comercial. Usouse principalmente para probas de apuntado experimental de bombas e para desenvolvemento de motores.[1]
O Avro 689 Tudor 9 estaba baseado no avión de pistóns Avro 689 Tudor II usando a experiencia do traballo coa versión experimental Tudor 8 equipado con reactores Rolls-Royce Nene e que voara por vez primeira o 1 de setembro de 1948.[2][1] O Avro Type 689 Tudor 9 posteriormente foi bautizado como Avro 706 Ashton e era un avión con catro reactores de investigación impulsado por Rolls-Royce Nene emparellados en góndolas nas ás.
Fabricáronse seis exemplares usando a fuselaxe do Tudor, comezando coa conversión do Tudor I con motores Nene 5. Os seguintes Ashton incorporaron o mellorado Nene 6 e contaban cunha deriva máis cadrada e grande e un tren de aterraxe en triciclo. Os motores estaban estreitamente agrupados en dúas góndolas que se alineaba perfectamente coas ás. A disposición de catro motores compensaba o pouco pulo dos primeiros reactores e reducía en gran parte os efectos asimétricos que poderían afectar ao avión no caso da perda dun motor.[3]
A tripulación estaba formada por piloto, copiloto, navegador, enxeñeiro de voo e operador de radio, agrupados na cabina de voo e no compartimento frontal do aparello.
A produción completouse rapidamente a través da modificación de fuselaxes de Tudor 2 excedentes fabricándose un único exemplar dos Ashton 1 (WB490), Ashton 2 (WB491), e Ashton 4 (WB494), e tres do Ashton 3 (WB492, WB493 e WE670), todos fabricados por Avro en Woodford. Os voos de proba comezaron en 1950 avaliando a operación con reactores e a navegación, e polo menos un dos exemplares probou equipamento de bombardeo con dous contedores de bombas aerodinámicos baixo as ás.[4]
A pesar de ser un dos primeiros transportes aéreos equipado con reactores, o Ashton dedicouse principalmente a traballos experimentais e ao pouco tempo foi eclipsado tecnoloxicamente polo primeiro avión de pasaxeiros a reacción que entrou en produción, o de Havilland Comet.
O Ashton WB491 foi modificado cunha montaxe baixo a fuselaxe para probar motores de turbina. Foi usado por Rolls Royce para probas cos seus motores Conway e Avon.
Bristol Siddeley usou o Ashton WB493 como banco de probas para o seu turborreactor Olympus. O avión equipouse con dous motores Olympus baixo as ás, fóra dos Nenes. Este aparello tivo un papel principal na película británica de 1960 Cone of Silence. Posteriormente o mesmo avión usouse como banco de probas para o motor Bristol Siddeley Orpheus.
No presente a fuselaxe do Ashton 2 (WB491) consérvase no Newark Air Museum, no Reino Unido.[5]