Bagad

Un bagad durante un pasarrúas no Festival Intercéltico de Lorient.

Un bagad é unha formación musical bretoa inspirada nas bandas de gaitas escocesas. Adoitan compoñerse de tres seccións instrumentais: Binioù bras (semellante á gaita escocesa), bombarda e percusión. Segundo o tamaño e importancia do bagad, a sección de percusión pode tamén dividirse en percusión tradicional e percusión non tradicional (batería e caixa).

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

En lingua bretoa bagad significa 'grupo' ou 'tropa'. No caso das agrupacións musicais, trátase da abreviatura de bagad ar sonerion (grupo de músicos). O plural de bagad é bagadoù, salvo cando aparece tras un número, xa que neses casos a palabra convértese en invariábel (os bagadoù, dous bagad). A palabra bagad é masculina tanto en bretón como en francés. Existe tamén en feminino, mais significa 'barcada' (de bag, barco en bretón).

A principios do século XX, as tradicións culturais bretoas foron abandonadas progresivamente e as novas xeracións percibíanas como arcaicas e "pailanas". A parella tradicional gaita-bombarda cae en desuso e nos anos 1920 só quedaban na Bretaña unha decena de sonneurs (gaiteiros e bombardistas).[1]

Nese contexto adverso, intentouse facer un reagrupamento destes músicos a fin de rescatar e preservar a súa arte, e en 1932 Hervé Le Menn fundou a KAV, Kenvreuriezh ar Viniaouerien (Irmandade dos gaiteiros), entre a comunidade bretoa de París. A primeira banda de sonneurs foi a BAS, Bodadeg ar Sonerion (Asemblea de sonneurs), que naceu da KAV en 1943.[1] Porén, foi o concepto de bagad o que logrou atraer e motivar á mocidade; xurdindo como unha adaptación das banda de gaitas escocesas (pipe bands), e incorporando certos elementos locais como a bombarda e tocando melodías bretoas. Os primeiros bagadoù apareceron en 1947: un civil en Carhaix, e outro militar en Dinan.[1]

Se a música tocada polas pipe bands está organizada segundo un patrón moi formal, os bagadoù optaron por un rexistro máis diversificado de estilos e maneiras de tocar. Esta diversidade débese en gran medida ó uso da bombarda que ten unha tesitura máis ampla que a gaita e permite achegarse á polifonía. A partir dos anos 1960, os bagadoù empezaron a mostrar arranxos musicais cada vez máis innovadores.

A música de bagad ampliouse ó conxunto da música bretoa e incorpora agora marchas, danzas e melodías. As percusións diversificáronse e poden mesturar elementos de fusión como o djembé, baterías de rock e percusións doutros continentes. Ademais, poden incorporar guitarras, frautas travesas e instrumentos de vento-metal, instrumentos que foron introducidos por vez primeira nun bagad por Alan Stivell en 1975 no seu álbum E Dulenn. Algúns bagadoù tamén teñen recuperado a gaita tradicional da Baixa Bretaña, o binioù kozh.

Aínda que o bagad sexa unha formación de creación recente, contribuíu ó renacer e ó auxe da cultura bretoa e en particular da súa música. Dende finais do século XX goza dunha gran vitalidade e popularidade, e nunca falta nas manifestacións populares da Bretaña.[2] Debido a isto, todo concello de tamaño mediano ou grande na Bretaña ten, cando menos, un bagad.

Para as competicións, os bagadoù son clasificados en cinco categorías. As competicións máis importantes teñen lugar tódolos anos en Brest e en Lorient, sendo este último onde ten lugar o Festival Intercéltico de Lorient.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 L'Ouest en mémoire Arquivado 13 de marzo de 2011 en Wayback Machine., arquivos do INA, consultados o 4 de novembro de 2010.
  2. Roland Becker y Laure Le Gurun, La musique bretonne, Coop Breizh , 1994, ISBN 2-909924-19-X

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]