Bala | |
---|---|
Bala no Surfing the Lerez Festival | |
Orixe | A Coruña e Pontevedra, Galicia |
Período | 2014 - presente |
Xénero(s) | stoner rock, grunge |
Selo(s) discográfico(s) | Matapadre, Century Media Records, PIAS Recordings |
Membros | Ánxela Baltar Violeta Mosquera |
Na rede | |
somosbala.com | |
Bala é unha banda galega de stoner rock/grunge[1] composta pola coruñesa Ánxela Baltar (guitarra e voces) e a lucense Violeta Mosquera (batería e voces).
As compoñentes de Bala xa tiñan experiencia en grupos como Calixta, Drama, Salvation Army e MLK antes de formar a banda no ano 2014.[2]
O 14 de setembro de 2015 publicaron o seu traballo de estrea, un álbum de sete temas chamado Human Flesh,[3] gravado no estudio Montealto da Coruña.[2] O 3 de marzo de 2017 editaron o seu segundo disco, Lume,[4] gravado en Cataluña,[2] ámbolos dous a través da discográfica compostelá Matapadre.
En xaneiro de 2019 Bala gravou unha versión do tema de The Smashing Pumpkins "Bodies", coa colaboración de Laura García (Grima) e Olaia Cankillyou (Khmer). Pouco despois a banda subiu o video da versión a YouTube[5] e en xaneiro de 2021 publicou o sinxelo en Bandcamp.[6] Tamén en 2019 foron galardoadas co Premio Martín Códax da Música na categoría de rock.[7]
No mes de febreiro de 2021, Bala anunciou a súa fichaxe polo selo alemán Century Media Records, a través do cal editarían o seu seguinte álbum. O anuncio estivo acompañado polo vídeo do primeiro sinxelo do disco, "Agitar", que conta con colaboracións de Najwa Nimri, Bonnie Buitrago de Nashville Pussy e da escritora Lúa Mosquetera.[8] O álbum, titulado Maleza, foi editado o día 14 de maio de 2021.
Tras o lanzamento de Maleza a banda iniciou unha xira de promoción que se estendeu ata 2023, realizando o derradeiro concerto da mesma en Barcelona o 21 de setembro.[9] Nese ano Bala tamén cambiou de selo discográfico, fichando por PIAS,[10] e gravou no estudio Ultramarinos Costa Brava o que será o seu cuarto álbum.[11]
O primeiro sinxelo do novo traballo, "Prisas", apareceu en novembro de 2023.[10] En febreiro de 2024 a banda anunciou oficialmente o seu cuarto traballo, titulado Besta. O disco vai ser editado o 26 de abril a través de PIAS. Coindidindo co anuncio, Bala tamén publicou o sinxelo "Equivocarme".[12]
Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Human Flesh | 2015 | Matapadre |
Lume | 2017 | Matapadre |
Maleza | 2021 | Century Media Records |
Besta | 2024 | PIAS |