Be-Papas ou Be-PaPas (en xaponés: ビーパパス Bīpapasu) foi un grupo de artistas fundado polo director de anime Kunihiko Ikuhara. Estaba conformado polo propio Ikuhara, a mangaka Chiho Saito, o animador e deseñador de personaxes Shinya Hasegawa, o guionista Yōji Enokido e mais Yūichirō Oguro.[1]
Ikuhara creou Be-Papas no ano 1996 co propósito de producir Shōjo Kakumei Utena 少女革命ウテナ ("Utena, a moza revolucionaria"), un anime orixinal que concibiu tras abandonar o estudo Toei Animation, onde traballou dirixindo series como Sailor Moon. O grupo tamén creou a secuela Shōjo Kakumei Utena: Adoresensu Mokushiroku 少女革命ウテナ アドゥレセンス黙示録 ("Utena, a moza revolucionaria: Apocalipse adolescente").[2]
Be-Papas disolveuse tras o lanzamento da secuela, pero existiu como entidade corporativa até o ano 2001, co gallo de publicar diversos proxectos creados polos seus membros. En concreto, editaron a serie de novelas Sheruburitto シェルブリット ("Schell Bullet", 1999-2000), de Ikuhara e Mamoru Nagano; a light novel Shōnen Ō 少年王 ("O rapaz rei", 1999), de Hasegawa e Enokido; e o manga S to M no Sekai SとMの世界 ("O mundo de S e M", 2001), de Ikuhara e Saito.[2][3]