Biografía | |
---|---|
Nacemento | 22 de setembro de 1887 Kumbhoj, India (en) |
Morte | 9 de maio de 1959 (71 anos) |
Relixión | Xainismo |
Actividade | |
Ocupación | asistente social |
Premios | |
Bhaurao Patil, nado en Kumbhoj o 22 de setembro de 1887 e finado o 9 de maio de 1959, foi un activista educativo e social de Maharashtra na India. Fundador da organización educativa Rayat Shikshan Sanstha e avogado da educación das masas, defendeu con fervor a educación das castas máis baixas e dos pobres e foi un importante membro da Satyashodhak Samaj fundada polo reformador social anticastas Jyotirao Phule. En Maharashtra déronlle o sobrenome de Karmaveer[1] (heroe en acción) e o goberno da India concedeulle a condecoración do Padma Bhushan en 1959.
Bhaurao naceu no seo dunha familia xainista, seu pai, Paigaunda Patil, era funcionario do departamento de impostos e decote estaba fóra da casa en viaxes de traballo, e súa nai, Gangubai, durante esas viaxes volvía á casa de seu pai, en Kumbhoj, e alí foi onde naceu Bhaurao, que pasou boa parte da súa infancia con seus outros irmáns e con súa nai cas do avó[2]. En 1902 con 16 anos entrou no instituto de Kolhapur e quedou moi influído pola política do seu maharaxá, Shahu, que avogaba pola igualdade social sen distinción de castas e pola extensión da educación a todos os seus súbditos, e mesmo chegou a pasar un ano no seu palacio[3]cos loitadores que patrocinaba o maharaxá. Tras deixar o instituto en 1907 traballou como vendedor ou axente de seguros. En 1909 coa axuda de varios amigos estableceu na vila de Dudhagaon unha sociedade educativa que mantiña a Vidyarthi Ashram[4], un hostal para que os nenos dos arredores puidesen ir á escola. Durante a sesión anual da Satyashodhak Samaj que se celebrou en Kale o 5 de setembro de 1919 fixo un chamamento para a creación dunha sociedade educativa para que o ensino chegase masivamente á poboación rural, e 4 de outubro dese ano constituíuse a Rayat Shikshan Sanstha, co carácter de empresa privada[5], establecéndose de inmediato un hostal para estudantes en Kale. En 1924 estableceuse un gran hostal en Satara e en 1935 a Rayat Shikshan Sanstha transformouse en asociación. Patil e a súa asociación foi ampliando o seu ámbito de actuación e en 1935 estableceu unha escola para a educación de mestres non brahmán[6] e o número de escolas primarias pasou de 61 en 1938 a 579 en 1949 e o de secundarias de 1 en 1940 a 111 en 1959 e nese mesmo ano, ao do falecemento de Patil, contaba con 38 hostais para estudantes e 6 escolas de maxisterio[7].