Boeing YB-40 Flying Fortress

Boeing YB-40 Flying Fortress
Tipoescolta de bombardeiros
FabricanteLockheed-Vega
Primeiro voo10 de novembro de 1942
Introducido29 de maio de 1943
Retiradooutubro de 1943
Principais usuariosUSAAF
Unidades construídas25

O Boeing YB-40 Flying Fortress foi unha modificación para realizar probas operacionais do bombardeiro B-17 Flying Fortress, convertido para actuar como un canoneiro fortemente armado para apoiar outros bombardeiros durante a segunda guerra mundial. No momento do seu desenvolvemento os cazas de longo alcance, como o North American P-51 Mustang, acababan de entrar en produción en grandes cantidades, polo que aínda non estaban dispoñibles para acompañar aos bombardeiros no camiño dende Inglaterra ata Alemaña e no regreso.

Deseño e desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

O traballo no prototipo, Project V-139, comezou en setembro de 1942 coa conversión do segundo B-17F-1-BO de produción (número de serie 41-24341) construído. Os traballos de conversión foron realizados pola compañía Vega de Lockheed.

O aparello diferenciábase do B-17 estándar na instalación dunha segunda torreta dorsal tripulada no compartimento da radio, xusto detrás da baía de bombas e diante de onde se atopaba a torreta ventral. A única metralladora Browning de 12,7 mm en cada estación da fuselaxe foi substituída por dúas delas nunha montaxe dobre, de xeito semellante á configuración da torreta de cola. O equipamento do bombardeiro tamén foi substituído por dúas metralladoras Browning AN/M2 de 12,7 mm na "barbilla" operadas remotamente.[1]

As metralladores das "meixelas" (nos laterais do morro na estación do bombardeiro) foron inicialmente retiradas, pero instaláronse novamente en Inglaterra para sumar un total de 16 canóns, e a baía de bombas converteuse nun depósito de munición. Instaláronse ademais blindaxes adicionais para protexer as posicións da tripulación.[1]

O peso bruto da aeronave era uns 1 800 kg maior que un B-17 totalmente armado. Unha indicación da carga que iso lle supuxo ao YB-40 é que, mentres que o B-17F no que estaba baseado podía subir aos 20 000 pés (6 100 m) en 25 minutos, o YB-40 tardaba 48 minutos. Parte da diminución do rendemento debeuse ao aumento de peso e parte á maior resistencia aerodinámica das estacións de armas.[2]

O primeiro voo do XB-40 foi o 10 de novembro de 1942. O primeiro pedido por 13 YB-40 realizouse en outubro de 1942, e en xaneiro de 1943 pedíronse 12 máis. As modificacións foron realizadas por Douglas Aircraft no seu centro en Tulsa, Oklahoma, e o primeiro aparello completouse a finais de marzo de 1943. Pedíronse 20 avións de probas de servizo, Vega Project V-140, como YB-40 xunto con 4 adestradores designados TB-40[2]

Debido a que Vega tiña proxectos de produción de maior prioridade, o traballo de montaxe dos YB-40/TB-40 foi transferido a Douglas. Probáronse unha variedade de configuracións de armamento diferentes. Algúns YB-40 estaban equipados con torretas de morro e cola de catro canóns. Algúns levaban canóns de ata 40 mm, e uns poucos ata 30 canóns de varios calibres en múltiples posicións nos lateriais da fuselaxe, así como en torretas eléctricas adicionais por riba e por debaixo da fuselaxe.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 Bishop 1986, pp. 69, 73, 246-247
  2. 2,0 2,1 Freeman 1991, pp. 154-155

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bishop, Cliff T. Fortresses of the Big Triangle First. Elsenham, UK: East Anglia Books, 1986. ISBN 1-869987-00-4.
  • Freeman, Roger A. The Mighty Eighth War Manual. St. Paul, Minnesota: Motorbooks International, 1991. ISBN 0-87938-513-8.