Bracteada

Bracteada de ouro (entre 450 e 600 d.C.) achada nun tesouro en Over Hornbæk, Xutlandia, Dinamarca.

Coñécese como bracteada[1] ou bracteata (do latín bractea: peza delgada de metal) un tipo de medalla ou obxecto decorativo e ritual, xeralmente de ouro, que se levaba como ornamento na Europa do Norte na Idade de Ferro xermánica, principalmente durante a época das invasións bárbaras (incluída a era de Vendel en Suecia).[2]

O termo emprégase tamén en numismática para denominar un tipo de moedas de prata ou billón e, máis raramente, de cobre, cuñadas en Europa central na Idade Media, a partir do século XII, normalmente pfennig ou diñeiros.[2][3][4][5]

En ambos os casos, as bracteadas amosan os seus deseños só por unha das súas faces, en tanto que pola outra aparecen os mesmos tipos mais co relevo en negativo.[1][3][4]

Bracteadas de ouro da Antigüidade tardía

[editar | editar a fonte]
Anverso, reverso e canto dunha bracteada de ouro da Illa de Man (ca. 500-550 d.C.).[6]

As bracteadas da Antigüidade son basicamente pezas áureas de xoiaría realizadas principalmente entre os séculos V e VII polos pobos xermánicos, que seguen varios modelos. A maioría estaban engarzadas ou tiñan un enganche para colocar un cordón, xa que adoitaban estar destinadas a lucir penduradas do pescozo, presumiblemente como amuleto. O ouro das bracteadas procedía xeralmente das moedas pagadas polo Imperio Romano aos seus veciños xermánicos do norte para manter a paz.[7]

Motivos representados

[editar | editar a fonte]

Moitas bracteadas representan retratos dos reis xermánicos gobernantes con peiteados con trenzas ás costas característicos e representacións de personaxes da mitoloxía xermánica, influídos en diversos graos pola tradición das moedas romanas, en tanto que outras representan motivos completamente orixinais. A frecuencia con que aparecen representacións mitolóxicas fai pensar que se trataba de iconas para as persoas practicantes do paganismo xermánico, que lles proporcionarían protección ou eran usadas para a adiviñación.[7]

É bastante recorrente a representación da figura dun cabalo con oito patas, unha lanza e aves, probablemente en referencia ao deus Wodan ou Odín, o que se apoia ademais noutros aspectos do personaxe que aparecerán posteriormente nas representacións do século XIII, como na Edda poética. Por esta razón, as bracteadas son obxecto do estudo iconográfico do paganismo xermánico.[7]

Inscrición rúnica nunha bracteada sueca de Västra Götaland.

Varias bracteadas, ademais, amosan inscricións rúnicas. Coñécese un total de 133 inscricións en bracteadas, que supoñen máis dun terzo de todas as inscricións existentes en futhark antigo. Por outra banda, as bracteadas portan comunmente como elemento decorativo secundario unha ou varias esvásticas.[7]

Tipoloxía

[editar | editar a fonte]

As bracteadas clasifícanse en varias categorías ás que se lles asigna unha letra segundo os seus motivos decorativos, un sistema de clasificación ideado en 1855 polo historiador dinamarqués Christian Jürgensen Thomsen e publicado nun artigo numismático chamado Om Guldbracteaterne og Bracteaternes tidligste Brug som Mynt [8] ("Sobre o uso máis antigo das bracteadas de ouro e das bracteadas como moeda") e que o numismático sueco Oscar Montelius definiu formalmente no seu tratado Från jernåldern ("Da Idade de Ferro"), de 1869.[9] Hai sete tipos:[10]

  • Bracteadas A (unhas 88 pezas): amosan a faciana dunha persoa, coas moedas do Imperio Romano como modelo.
  • Bracteadas B (unhas 91 pezas): amosan entre unha e tres figuras humanas de pé, sedentes ou de xeonllos, acompañadas adoito de animais.
  • Bracteadas C (as máis representadas, cunhas 413 pezas): presentan a cabeza dun home sobre un cuadrúpede; crese que representan o deus xermánico Woden.[7]
  • Bracteadas D (unhas 348 pezas): amosan unha ou máis figuras moi estilizadas de animais.
  • Bracteadas E (unhas 280 pezas): exhiben un tríscele de formas animais baixo un círculo.
  • Bracteadas F (unhas 17 pezas): é un subgrupo das bracteadas D, que amosa unha figura de animal imaxinario.
  • Bracteadas M (unhas 17 pezas): son imitacións de dúas caras dos medallóns imperiais romanos.

Corpus de exemplares

[editar | editar a fonte]
Detalle dunha inscrición rúnica nunha bracteada.

Acháronse máis de 970 bracteadas da época das invasións xermánicas dos tipos A, B, C, D e F.[11] Deles, 135 (aproximadamente o 11 %) levan inscricións rúnicas con caracteres do futhark antigo, que adoitan ser moi curtas. As inscricións máis salientables atópanse na coñecida como bracteada Seeland-II-C (que lle achega protección para a viaxe a quen a leve), na bracteada de Vadstena (que enumera as letras do futhark antigo cunha inscrición presumiblemente máxica)[12] e na bracteada de Tjurkö (cunha inscrición en verso escaldo)[13].

A estas engádenselles unhas 270 bracteadas E,[14] pertencentes ao período de Vendel e, por iso, lixeiramente posteriores aos demais tipos. Producíronse só en Gotland e, en tanto que as primeiras bracteadas estaban todas feitas en ouro (agás unhas poucas pezas inglesas), as bracteadas E están feitas en prata ou bronce.

Karl Hauck, o arqueólogo Morten Axboe e o runólogo Klaus Düwel traballaron desde a década de 1960 para compor un catálogo completo de todas as bracteadas xermánicas do período das invasións, con fotografías de alta resolución e debuxos. Esta obra publicouse en tres volumes en alemán, entre 1985 e 1989, co título Die Goldbrakteaten der Völkerwanderungszeit. Ikonographischer Katalog ("As bracteadas do período das migracións. Catálogo iconográfico").[15]

Bracteadas medievais de prata ou billón

[editar | editar a fonte]

A orixe das moedas bracteadas medievais de prata e de billón está relacionada coa deterioración da moeda logo das guerras civís de Henrique IV (1056-1105). Estas moedas, normalmente con valor dun pfennig ou a súa fracción, cuñábanse a martelo en discos tan finos que só se podía reproducir o motivo nunha das súas faces, quedando na outra en negativo.[5]

A rexión orixinal destas bracteadas foi a de Turinxia, a Baixa Saxonia e Meißen, e desde aí estendeuse o seu uso ás veciñas Bohemia, Moravia, Brandeburgo, Pomerania, Silesia, Saxonia e mesmo ata Hungría e Polonia. Polo norte estendéronse ata Dinamarca, e polo oeste ata o Weser. Tamén Suíza e Austria coñeceron estas cuñaxes. Unicamente en Alsacia, Renania, o Palatinado e Westfalia, que se achaban entre as zonas máis desenvolvidas economicamente do Imperio xermano-romano naquela época, as bracteadas non lograron afianzarse, probablemente por mor do seu desprestixio como moedas.[5]

A súa época de apoxeo foi entre 1150 e 1230,[5] aínda que o seu uso nalgunhas zonas chegou ata o século XVI.

  1. 1,0 1,1 "Bracteado -da (Tm s f)". En Digalego. Dicionario de galego.
  2. 2,0 2,1 "Bracteata Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine.". En Martinori, E. (1915). Páxina 45.
  3. 3,0 3,1 "Moneda bracteada". En Alfaro Asins, C. et al. (2009). Páxina 125.
  4. 4,0 4,1 "Bracteates". En Frey, A. R. (1916). Páxinas 31-32.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 "Brakteaten". En Münzen Lexikon (Reppa.de)
  6. "Record ID: IOW-125794". Portable Antiquities Scheme.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Kjærum, P.; Olsen, R. A. (1990).
  8. Thomsen, C. J. "Om Guldbracteaterne og Bracteaternes tidligste Brug som Mynt". En Annaler for Nordisk Oldkyndighed og Historie. 1855. Páxinas 265-347, 381-382.
  9. Montelius, J. (1869). Från jernåldern. Estocolmo.
  10. Wicker, N. (2015). "Context analysis and bracteate inscriptions in light of alternative iconographic interpretations".
  11. Axboe, M. (2007).
  12. "Vadstena-brakteaten". En Nordisk familjebok. Uggleupplagan. 31 (1921). Páxina 261.
  13. "Danske Brakteater". Arild Hauge's Runes (www.arild-hauge.com)
  14. Gaimster, M. (1998).
  15. Axboe, M. et al. (1985-1999).

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]