Braulio Vázquez

Braulio Vázquez
Información persoal
Nome Braulio Jesús Vázquez Benítez
Nacemento 14 de marzo de 1972 (52 anos)
Lugar de nacemento Pontevedra
Altura 1,75 m.
Posición Dianteiro
Carreira xuvenil
–1987 San Cristóbal
1987–1990 Deportivo da Coruña
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
1990–1996 Fabril 75+ (17+)
1995–1996 Deportivo da Coruña 2 (0)
1996–1998 Farense 58 (9)
1998–1999 CP Mérida 38 (6)
1999–2001 Castellón 48 (10)
2001 Zamora 16 (3)
2001–2002 Novelda 7 (0)
2002–2003 UD Mérida 48 (1)
2003–2006 Lugo 82 (23)
2006–2007 Bergantiños 28 (6)
2007–2008 Soneira
Adestrador
2007–2008 Soneira
2008 Laracha
Na rede
BNE: XX1772440
Partidos e goles só en liga doméstica.

editar datos en Wikidata ]

Braulio Jesús Vázquez Benítez, nado en Pontevedra o 14 de marzo de 1972, é un exfutbolista e adestrador de fútbol galego, actual director deportivo de Osasuna. Como futbolista, xogaba de dianteiro e formouse na canteira do Deportivo da Coruña, co que debutou en Primeira División. Tras pasar pola Primeira Liga, nas filas do Farense, pasou por varios equipos españois, principalmente da Segunda B e a Terceira División.

Trala súa retirada como futbolista traballou como director deportivo do Valencia, o Valladolid e Osasuna. É pai do tamén futbolista Jesús Vázquez, lateral esquerdo do Valencia.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Como futbolista

[editar | editar a fonte]

Naceu en Pontevedra, nunha familia de gardas civís, sendo fillo e neto de gardas.[1] Ata os 14 anos viviu nun cuartel da Garda Civil da Coruña, xunto a seus pais José e Antonia. Comezou a xogar ao fútbol no San Cristóbal da cidade herculina,[2] onde as súas boas actuacións o levaron á selección coruñesa infantil e pouco despois á galega, ás ordes de Manolete.[3][4] De aí pasou ao Deportivo da Coruña, que o fichou en 1987 para a súa canteira.

En 1989, militando aínda no equipo xuvenil, realizou os seus primeiros adestramentos co primeiro equipo do club, baixo a batuta de Arsenio, situación que se repetiu durante os seguintes anos, pero sen chegar a debutar.[5] Na tempada 1990/91 subiu ao equipo filial, o Fabril, da Terceira División, participando ese mesmo ano do primeiro ascenso á Segunda División B da historia do equipo. Militou no Fabril un total de seis anos, vivindo un descenso e un segundo ascenso na tempada 1994/95.

Na campaña 1995/96 debutou finalmente co primeiro equipo na Primeira División, da man de Toshack, nun encontro ante o Racing de Santander en Riazor que se saldou con derrota (2–3) e no que entrou na segunda parte como substituto de Voro. Disputou un segundo partido coa camiseta do Deportivo uns meses despois, tamén en liga e entrando de novo como suplente, antes de deixar o club no verán de 1996.

Fichou entón polo Farense, equipo da Primeira Liga portuguesa, no que militou durante os seguintes dous anos.[6] Disputou 58 partidos na máxima categoría lusa, ás ordes do histórico Paco Fortes, marcando nove goles. Na tempada 1998/99 regresou a España e fichou polo CP Mérida de Segunda División, onde tivo como adestrador a Paco Herrera. Neste club xogou 40 partidos e anotou 7 goles.

Pasou as seguintes catro tempadas na Segunda División B, nas filas doutros catro equipos: Castellón, Zamora, Novelda e UD Mérida. En 2003 volveu a Galicia, onde asinou como novo xogador do Lugo, na Terceira División.[7] Vestiu durante tres anos a camisola albivermella, xogando 82 partidos e anotando 23 goles, e conseguindo o ascenso a Segunda B na 2005/06. Retirouse como futbolista en 2007, despois dunha última campaña co Bergantiños.

Na tempada 2007/08 iniciou unha breve carreira como adestrador, dirixindo o Soneira na Segunda Autonómica Galega. Con todo, ao pouco de comezar a tempada tivo que facer ficha como xogador, debido ás importantes baixas do equipo, polo que acabou actuando como xogador-adestrador e acadando unha boa cantidade de goles.[8][9][1]

Trala retirada

[editar | editar a fonte]

Comezou a tempada 2008/09 adestrando o Laracha en Preferente, antes de recibir unha chamada de Fernando, vicepresidente deportivo do Valencia e antigo compañeiro seu no Castellón, que lle ofreceu un posto de observador no club ché.[1] Realizou esa función durante dous anos, ata que en 2010 foi nomeado director deportivo do club polo presidente Manuel Llorente. Dirixiu a parcela deportiva do Valencia durante máis de tres anos, nos que o club atravesaba unha crise económica. Tivo como axudante ao seu antigo compañeiro Domingo Catoira, e conseguiu dous terceiros e un quinto postos en liga, pero os malos resultados no inicio da tempada 2013/14 provocaron o enfado da afección e a súa destitución polo novo presidente Amadeo Salvo en novembro de 2013.[10][11]

Entre 2014 e 2017 foi director deportivo do Real Valladolid, logo do descenso do equipo á Segunda División. No equipo valisoletano traballou de novo xunto a Domingo Catoira, completando a dirección deportiva un terceiro galego, Cata.[12] Dimitiu en maio de 2017, despois de non conseguir os obxectivos marcados.[13]

En xuño de 2017 incorporouse a Osasuna, tamén como director deportivo. Baixo a súa dirección o equipo navarro logrou o ascenso a Primeira División e clasificouse para unha final da Copa do Rei por segunda vez na súa historia.[14]

Vida persoal

[editar | editar a fonte]

Casou coa estremeña Ana Alcalde, á que coñeceu mentres militaba no CP Mérida e coa que tivo dous fillos: Jesús e Marco.[1] O primeiro deles iniciou tamén unha carreira como futbolista profesional.

Palmarés

[editar | editar a fonte]
Deportivo da Coruña
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Braulio Vázquez: «Coreé el nombre de Parejo en la final de Copa»" (en castelán). 18 de marzo de 2021. Consultado o 6 de abril de 2023. 
  2. López, Sergi (21 de decembro de 2016). "Braulio Vázquez: “Hay muchas facilidades para formarse; no hacerlo es buscar coartadas y excusas”" (en castelán). Consultado o 6 de abril de 2023. 
  3. "Las selecciones de fúbol infantil y juvenil de La Coruña y Santiago jugarán mañana en Elviña". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de xaneiro de 1987. p. 39. 
  4. "A las cuatro, en la Torre, partido de entrenamiento de las preselecciones gallegas juvenil e infantil". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de abril de 1987. p. 43. 
  5. "Vicente, con vértigo, baja deportivista para el desplazamiento a Lérida". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de maio de 1989. p. 50. 
  6. "Los futbolistas Bodelón y Braulio jugarán la próxima temporada en los equipos portugueses del Farense y el Estrela de Amadora". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de xullo de 1996. p. 52. 
  7. "El ex deportivista Braulio, refuerzo de lujo para el Lugo". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de xullo de 2003. p. 36. 
  8. "El técnico del Soneira, Braulio, podría hacer ficha para jugar". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de setembro de 2007. Consultado o 6 de abril de 2023. 
  9. "Braulio debutó, provocó un penalti, que transformó Vituco, y el Soneira derrotó al difícil Calo". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de setembro de 2007. Consultado o 6 de abril de 2023. 
  10. "Mestalla coreó "¡Braulio, vete ya, Braulio, vete ya!!"" (en castelán). 30 de outubro de 2013. Consultado o 6 de abril de 2023. 
  11. Matallanas, Carlos (5 de novembro de 2013). "Una vieja gloria ché, y de confianza, para reforzar al 'débil' Djukic" (en castelán). Consultado o 6 de abril de 2023. 
  12. Antelo, Iván (24 de novembro de 2016). "Galicia manda en el Valladolid". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 4 de abril de 2023. 
  13. "Braulio Vázquez deja el Real Valladolid" (en castelán). 19 de maio de 2017. Consultado o 6 de abril de 2023. 
  14. "Braulio Vázquez: "La novia que todos querían está en la final"" (en castelán). 6 de abril de 2023. Consultado o 6 de abril de 2023. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]