Carcinoma lobular in situ | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Carcinoma lobular in situ, tinguidura hematoxilina-eosina, 20x | |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
O carcinoma lobular in situ (CLIS), é un termo médico que se refire a cambios neoplásicos non cancerosos nas células que revisten os lóbulos da mama nos extremos distais dos condutos mamarios.[1] Denomínase in situ, porque a doenza non é infiltrante. Malia que o carcinoma lobular in situ non é un cancro, a súa presenza indica un risco maior na aparición de cancro de mama, aínda que non todas as pacientes cun carcinoma in situ, incluíndo os peores casos, desenvolven cancro de mama.[2] O carcinoma lobular in situ é máis frecuente en mulleres que aínda non chegaron á menopausa. Descrito por primeira vez por Foote e Stewart en 1941, constitúe entre o 3 ao 5% dos carcinomas da mama e é, polo xeral, unha doenza de mulleres premenopáusicas.[3]
O CLIS é unha proliferación sólida e oclusiva dos lóbulos e outros condutos perilobulares. Os acinos das glándulas vense dilatados e ocupados por células pequenas e polo xeral uniformes, sendo pleomórficas só na afectación ductal do carcinoma, é dicir, cando aparece nos condutos mamarios. Estas células non invadiron os tecidos máis profundos do seo, nin se propagaron a outros órganos do corpo.[4] De cando en cando vese necrose ou calcificación e de aparecer ocorre nas etapas máis avanzadas da doenza.