Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de agosto de 1993 (31 anos) Oleiros, España |
Educación | Universidade Complutense de Madrid |
Actividade | |
Ocupación | humorista, youtubeira, guionista, directora de cinema |
Premios | |
Carolina Iglesias, tamén coñecida como Percebes y Grelos,[1] nada en Oleiros o 8 de agosto de 1993,[2] é unha humorista, guionista e youtubeira feminista galega.[3][4] En 2021, foi recoñecida co Premio Marcela e Elisa polo seu traballo en prol dos dereitos LGTBI+, sendo a persoa máis nova en recibir este galardón.[5]
Trasladouse a Madrid para dedicarse aos monólogos e estudar Lingua e literatura española na Universidade Complutense de Madrid (UCM), aínda que non se licenciou. Paralelamente aos seus estudos universitarios, formouse na Escola Superior de Comedia (EOC), na compañía teatral Jamming e en Factoría del Guión.[6]
Iglesias foi a cómica máis nova en gravar un monólogo para o programa ‘Open Mike’ de Paramount Comedy en 2012 cando tiña 18 anos. Actuou en diversos locais de Madrid, entre os que destaca a súa primeira actuación, na sala Galileo Galilei, para a I Gala Solidaria de Cómicos pola Infancia sen Fronteiras.[6] En 2014, Iglesias publicou o relato “Amor de mierda” que se incluíu no libro Vloggers Now! 3. Dirixiu e escribiu a curtametraxe Sólo pienso en ti, protagonizada por Berta Collado e que foi o máis visto da súa categoría no Notodofilmfest. Protagonizou a curtametraxe Prólogo a una primera cita de Jorge López Anaya.[6]
En 2017, comezou a co-presentar Yu: No te pierdas nada, un dos programas estrela de Los 40, e traballou en programas como Zapeando, Lo siguiente (o programa de Televisión Española presentado por Raquel Sánchez Silva), en Operación Triunfo, Hora yutuber ou Youtubers Live.[7][8] Tamén protagonizou no Palacio de la Prensa un espectáculo teatral sobre a nostalxia dos anos 2000 chamado 'Que vuelva Fotolog' xunto á tamén youtubeira Esty Quesada (Soy una pringada).[3][4]
En 2019, Iglesias foi a presentadora da 17ª edición dos Premios Mestre Mateo xunto a Camila Bossa, David Amor, Xúlio Abonjo e Fernando Epelde.[9]
En 2020, estreou en YouTube xunto a Victoria Martín Válidas, unha webserie sobre dúas cómicas pasando un mal momento e que deciden facerse pasar por parella para conseguir éxito social. Iglesias e Martín escribírona e protagonizárona.[10][11] En maio dese mesmo ano, presentou Estirando el chicle, un podcast creado novamente xunto a Victoria Martín que se emite en distintas plataformas. Dende o seu lanzamento, en pleno confinamento estrito (marzo-maio) provocado pola pandemia de COVID-19, converteuse nun dos podcast independentes máis escoitados de España.[12][13]
En 2009, conseguiu o terceiro premio de fotografía do V Concurso Xurxo Lobato do IES Monelos (A Coruña).[14]
A Asociación pola Liberdade Afectivo Sexual da Coruña (ALAS) concedeulle o premio Marcela e Elisa de 2021. Este galardón concédeselle anualmente a unha persoa ou entidade implicada na defensa dos dereitos do colectivo LGTBI+.[15][5]