Biografía | |
---|---|
Nacemento | 2 de xaneiro de 1937 (87 anos) Gokak (pt) |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Dominio da India (1947–) Raj Británico India |
Educación | Karnatak University (en) Dharwad (pt) |
Actividade | |
Ocupación | director de cinema , tradutor , poeta , escritor |
Empregador | Universidade de Chicago |
Lingua | Lingua kanaresa |
Obra | |
Obras destacables
| |
Premios
| |
Chandrashekhara Kambara, nado en Ghodageri o 2 de xaneiro de 1937, é un escritor en lingua kanaresa, director de cinema e folclorista indio. Pola súa obra recibiu numerosos recoñecementos na India, como o Padma Bhushan, o terceiro galardón civil máis alto na India e o Jnanpith en 2011 o principal premio literario indio.
Naceu na aldea de Ghodageri, no distrito de Belagavi no norte do actual estado de Karnataka, era o terceiro fillo da parella formada por Basavannayappa R. Kambar e Chennamma; moi influído pola moral da súa nai[1], houbo deixar os estudos pola pobreza da familia pero Jagadguru Siddaram Swamiji do matha[2] de Savalagi financiou os seus estudos ata a secundaria[3] e así puido recibir o ensino primario en Gokak e o secundario na capital do distrito, Belagavi, e logo completou os estudos universitarios na Universidade de Karnataka para grazas ao programa Fulbright puido ir aos Estados Unidos e ensinar na Universidade de Chicago durante o curso 1968-1969[4] e á volta á India foi profesor na Universidade de Bangalore dende 1970 ata que se converteu no primeiro vicereitor da Universidade Kannada (1991-1996). Foi presidente da Academia Karnataka de Artes escénicas (1980-1983) e director da Escola Nacional de Teatro da India (1996-2000) e presidente da Sahitya Akademi da India dende 2018
A obra de Kambara abrangue 25 obras de teatro, 11 coleccións de poemas, 5 novelas e 16 obras de investigación sobre folclore, teatro, literatura e educación[5]. Entre os seus dramas máis populares están Jokumaraswamy, Jayasidnayaka, Kadu Kudure, Nayi Kathe, Mahamayi, Harakeya Kuri. En 1991 recibiu o premio Sahitya Akademi por outra popular obra de teatro Sirisampige. Unha das características da súa obra é a utilización de elementos dos dialectos kanareses do norte, algo pouco común na literatura kanaresa pero que xa utilizara D. R. Bendre na súa poesía.
No seu teatro foi pioneiro na introdución de estilos tradicionais do seu distrito, como en Sangya Balya, onde bota man da bayalāṭa (teatro ao aire libre) propio de Bailhongal ou en Jokumaraswamy que se asenta nos ritos e tradicións que se desenvolven en todo o norte de Karnataka cara a Jokumara, unha deidade popular e que consegue que trascendan como recurso literario a toda Karnataka e ao resto da India con múltiples traducións ás diversas linguas dese espazo[6]. Ademais moitas das súas obras tamén se traduciron ao inglés. Como director dirixiu filmes baseados nas súas obras como Kaadu Kudure, Karimaayi ou Sangeetha e tamén realizou documentais para o goberno de Karnataka e mais para o da India.[7] Alén da súa obra literaria, é autor de traballos académicos sobre o folclore indio e salienta como compilador dun dicionario de folclore.
No seu extenso poema narrativo Helatena Kela ("Escoita, heicho contar") que publicou en 1964, Kambara presentou algúns dos seus temas recorrentes ao longo da súa obra; a tradición e a modernidade, a indentidade, o colonialismo, a marcha da historia, o sexo, a perda da fe, a morte de Deus.
Shivapura é unha vila imaxinaria utópica presente en moitas das súas obras que constitúe unha metáfora e un lugar común en moitos dos seus poemas e contos[8] Na súa caracterización, Shiva e Parvati visítaa e bendí os seus habitantes. Mesmo Rama ao estar a ir a Sri Lanka na procura de Sita visita a vila de camiño.