![]() ![]() | |
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 17 de outubro de 2003 ![]() Watford, Reino Unido (pt) ![]() ![]() |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Inglaterra ![]() |
Actividade | |
Ocupación | futbolista ![]() |
Deporte | fútbol ![]() |
Posición de xogo | Centrocampista ![]() |
Charlie Michael Patino, en ocasións escrito Charlie Patiño[1], nado en Watford o 17 de outubro de 2003, é un futbolista inglés que xoga como centrocampista no Swansea City, do Championship, cedido polo Arsenal.
Nado en Watford, comezou a xogar ao fútbol no St. Albans City, pasando aos sete anos ao Luton Town.[2][3] Atraeu a atención dos medios de comunicación xa con 11 anos, cando despois de recibir ofertas dos principais clubs ingleses, foi trapasado por 10.000 libras ao Arsenal.[4][5] Subiu rapidamente polas diferentes categorías inferiores do club, e con só 14 anos xa destacaba no equipo sub-18.[6]
En outubro de 2020 asinou o seu primeiro contrato profesional co Arsenal.[7] Ese mesmo mes, foi incluído na lista "Next Generation" 2020 de The Guardian, como un dos mellores xogadores novos dos equipos da Premier League.[8]
O 21 de decembro de 2021 debutou co primeiro equipo do Arsenal na vitoria por 5-1 contra o Sunderland na EFL Cup, marcando o quinto gol dos Gunners no tempo de desconto, pouco despois de entrar como substituto de Emile Smith Rowe.[9]
Para a tempada 2021/22 saíu cedido ao Blackpool, club do Championship, segunda categoría do fútbol inglés.[10] Debutou co equipo o 6 de agosto, nun encontro ante o Stoke City, substituíndo a Lewis Fiorini na segunda metade.[11] Disputou un total de 37 partidos, nos que marcou 3 goles, incluído un no derbi de West Lancashire contra o Preston North End en Bloomfield Road.[12]
Foi internacional coa selección inglesa nas categorías sub-15, sub-16, sub-17 e sub-19. Elixible por España pola súa ascendencia paterna, a Real Federación Española ofreceulle xogar na selección española.[3][13][14]
Seu pai, Julio Patiño, é fillo de dous emigrantes galegos que se instalaron en Inglaterra na década de 1960. Súa avoa paterna é natural do lugar cambrés de Lema, mentres que seu avó naceu na praza de España da Coruña.[15]
Durante a súa infancia visitaba asiduamente Galicia xunto coa súa familia, e acudía a Riazor con seu pai, afeccionado do Deportivo da Coruña, especialmente durante a disputa do Trofeo Teresa Herrera.[15]