Compostela Aberta | |
---|---|
Candidatura municipal | |
Dirixentes e organización | |
Líder | María Rozas |
Historia | |
Fundación | 2015 |
Posicións políticas | |
Ideoloxía | Democracia Participativa Galeguismo Esquerdismo |
Representación | |
Concelleiros en Compostela | 2 / 25 |
Outros datos | |
Na rede | |
compostelaaberta.org | |
Compostela Aberta (CA) é un movemento cidadán e político creado na cidade de Santiago de Compostela que se presentou ás eleccións municipais de maio de 2015. No movemento participan diversos partidos políticos, como Anova, Esquerda Unida, Podemos ou Equo.[2]
O médico e alcalde de Teo, Martiño Noriega, foi o candidato de CA nas eleccións municipais do 25 de maio de 2015,[3] nas que obtivo a maioría simple co 34,58% dos votos emitidos (16 327 votos), que lle valeron a asignación de 10 concelleiros.[4]
Os membros da candidatura que obtiveron acta de concelleiro, ademais de Noriega, foron María Rozas (consultora en xestión económica e membro de EU-IU), Jorge Duarte (arquitecto, expresidente do COAG), Branca Novoneyra (escritora e coreógrafa), Xan Duro (ecoloxista de Verdegaia, membro do Espazo Ecosocialista Galego), Concha Fernández (ex-dirixente local do BNG, profesora de Intervención Sociocomunitaria no CIFP Compostela e ex-sindicalista), Manuel Dios Diz (presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz e membro tamén do Espazo Ecosocialista), Marta Lois (profesora de Políticas e integrante do ANPA do Colexio de Fontiñas), Rafa Peña (responsable da CIG no Aeroporto da Lavacolla) e Noa Morales (experta en relacións internacionais e membro de EU-IU).[5] A maiores, lograron unha acta na Deputación da Coruña que foi ocupada por Manuel Dios Diz.
Por fin, o 13 de xuño Martiño Noriega foi investido alcalde de Santiago. O correspondente repartimento das concellarías foi como segue:[6]
Nas eleccións municipais de 2019, tamén con Martiño Noriega como candidato á alcaldía, foron derrotados polo PSdeG-PSOE encabezado por Xosé Sánchez Bugallo, obtendo tan só 5 concelleiros e pasando á oposición,[1] perdendo ademais a súa acta na Deputación. En xullo de 2020 Noriega renunciou á súa acta de concelleiro, sendo substituído na portavocía por Marta Lois. Esta renunciou á portavocía en outubro de 2022, á fronte da cal foi substituída por María Rozas.
Nas eleccións municipais de 2023 a formación, encabezada por María Rozas, pasou de 5 a 2 edís (Rozas, e Xan Duro). Porén, volveu a formar parte do goberno local tras formar unha coalición co BNG de Goretti Sanmartín. Desta forma María Rozas pasou a ser Primeira Tenente de Alcaldesa e Concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, mentres que Xan Duro pasou a ser Concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais.