A couza guatemalteca ou couza guatemalteca da pataca (Tecia solanivora), descrita por Povolný en 1973[1], é un insecto da orde dos lepidópteros e da familia Gelechiidae. Orixinaria de Guatemala desde onde se estendeu a toda América Central detectouse en Galicia, por primeira vez, en 2015.[2]
Como acontece con outros insectos o proceso comeza coa posta de ovos «nos tubérculos ou próximos a eles, en número 200-500 ovos. O período de incubación pode durar entre 5-15 días en función da temperatura»[2]. Trala incubación, na fase de larva é cando esta penetra na pataca (Solanum tuberosum) e estraga o tubérculo. A pupa ou crisálide ten forma fusiforme, nesta fase abandona a pataca aínda que tamén pode formarse no interior. O organismo adulto, a avelaíña, presenta dimorfismo sexual, tanto de tamaño como de cor, ten hábitos nocturnos e voa pequenas distancias. O ciclo completo de cada xeración, nos almacéns de patacas, pode completarse entre 4 e 5 semanas, e no exterior en función da temperatura pode variar entre «41-95 días».[2][3][4]
Os concellos de Ferrol, Narón e Neda, en 2015, foron os primeiros afectados pola presenza da couza guatemalteca da pataca en Galicia.[5][6] Estes parasitos producen danos tanto nos cultivos de patacas como cando estas se amorean nos almacéns. As trampas de feromonas, os tratamentos con produtos fitosanitarios, a interrupción do cultivo ou a destrución da colleita son algunhas das estratexias para deter o avance da praga.[2][7]
En febreiro de 2017 os concellos afectados pola praga en Galicia aumentaron a 31, todos eles nas provincias da Coruña e Lugo:[8][9]
O 3 de marzo de 2017 o Consello de ministros do Goberno de España aprobou un Real Decreto que prohibe o cultivo de pataca por un mínimo de dous anos nas zonas infestadas.[7] Tamén se establece unha zona tampón: «os terreos comprendidos dentro dunha franxa de 5 quilómetros arredor do límite dos concellos establecidos como zonas infestadas». As disposicións sobre a zona tampón inclúen medidas de control e erradicación aplicables ás parcelas de cultivo, ás instalacións de almacenamento, ao almacenamento de patacas por particulares para autoconsumo e ao movemento de patacas desde esa zona a zonas non demarcadas. En Galicia a zona tampón comprende os concellos das Somozas, Moeche, Cerdido, Cedeira e Cariño.[7][10]