Deportivo Galicia | |||
---|---|---|---|
Nome | Deportivo Galicia Fútbol Club, Galicia de Aragua | ||
Fundación | 1960 | ||
Estadio | Estadio Olímpico da UCV, Estadio Brígido Iriarte (Caracas) Estadio Giuseppe Antonelli (Maracay) | ||
Capacidade | 15.000 | ||
Na rede | |||
http://www.geocities.com/deportivogaliciafc/ | |||
| |||
O Deportivo Galicia Fútbol Club foi un equipo de fútbol venezolano, fundado o 19 de setembro de 1960 en Caracas por emigrantes galegos.
O equipo, que xogaba con camisola branca e raias azuis, tivo a súa época dourada nos anos 1960 e 1970, durante os cales conquistou en catro ocasións o campionato de Primeira División e era un habitual da Copa Libertadores. Foi o único club venezolano cun título internacional, a Copa Simón Bolívar de 1971. Disputou durante décadas os seus partidos como local no Estadio Olímpico da UCV, utilizando logo tamén o Estadio Brígido Iriarte.
No 2002 cambiou a súa sede para a cidade de Maracay, no estado de Aragua, pasando a ser o seu nome Galicia de Aragua. Ese mesmo ano descendeu a segunda división, disolvéndose e sendo substituído polo Aragua Fútbol Club.
Foi fundado en 1960, despois de que se fusionasen as tres sociedades galegas de Caracas, o Centro Gallego, o Lar Gallego e a Casa de Galicia, formando a Hermandad Gallega. A súa unión supuxo tamén a fusión do Deportivo Celta (creado en 1949 e que militaba na Primeira División) co Centro Gallego, dando orixe ao Deportivo Galicia Fútbol Club.[1][2] O nome do equipo elixiuse de entre varias opcións tras unha votación nunha festa con gaitas.[2]
En 1963 disputou por primeira vez a Primeira División. Comezou a súa andaina na máxima categoría cun empate fronte ao Deportivo Italia por 1-1. Ao remate da primeira fase o equipo ocupaba a segunda posición empatado a puntos co primeiro, o Tiquire Flores. Con todo, na segunda fase perdeu todos os partidos, rematando finalmente cuarto.[3]
O seu primeiro título chegou xa ao ano seguinte, no que o Galicia, adestrado polo uruguaio Julio César Britos, derrotou na final disputada no Estadio Olímpico de Caracas ao Tiquire Flores por un global de 4-2.[4] Ao ano seguinte participou por primeira vez na Copa Libertadores, quedando encadrado no grupo 3 xunto a Peñarol e Guaraní, e acabando na derradeira posición do grupo.[5]
Nos anos 1966 e 1967 acabou subcampión da Primeira División, e conquistou as súas dúas primeiras Copas Venezuela, derrotando na final da primeira delas á UD Canarias e na segunda ao CD Portugués. En 1969 gañou a liga, superando por un punto a Valencia FC e Deportivo Italia, e conquistou tamén a Copa, despois de derrotar na final de novo á UD Canarias. En 1970 revalidou o título de liga, derrotando na final ao Deportivo Italia.[6]
Naquela época o equipo estaba formado principalmente por venezolanos, galegos, brasileiros e uruguaios. Entre os xogadores galegos que pasaron polo club están Pedro Castro, Chacho III, Carlos Torres, Lexo, Guillín, Suso ou José Manuel Carbón "Pibe", mentres que polo banco pasaron Chao ou o propio Torres, ademais do arxentino radicado na Coruña Rafael Franco.[7][8]
Despois do subcampionato de 1972 o Galicia gañou o seu derradeiro título de liga en 1974, ao derrotar na final ao Portuguesa FC. Tras iso conseguiu aínda tres subcampionatos máis en 1975, 1978 e 1979 e dúas novas Copas Venezuela, en 1979 e 1981.
Disputou en nove ocasións a Copa Libertadores, aínda que nunca conseguiu pasar da primeira fase. As súas vitorias máis destacadas foron o 4-0 logrado contra o CD El Nacional do Ecuador, e o triunfo por 2-1 fronte ao Inter de Porto Alegre. En 1973 gañou o primeiro título internacional para un equipo venezolano, a Copa Simón Bolívar de 1971, na que derrotou na fina ao Atlético Nacional de Medellín, tras un partido de desempate xogado dous anos despois do comezo da competición.[9]
En agosto de 1976 o equipo iniciou unha xira por España. Tras enfrontarse ao Real Oviedo e conquistar logo o Trofeo Bahía de Algeciras,[10] viaxou a Galicia, onde participou no Trofeo Conde de Fenosa, xogando contra o Deportivo da Coruña e o Celta de Vigo en Riazor e perdendo ámbolos dous partidos.[11][12] Despois de recibir unha homenaxe por parte do Galicia Gaiteira o equipo cambiou de provincia pechando a xira cunha vitoria fronte ao Ourense no Estadio do Couto (1-4).[13][14] Non foi a única vez que o equipo de Caracas pisou a terra dos seus fundadores, pois en 1982 regresou para unha nova xira que iniciou contra o Lemos en Monforte, e que continuou por Alacant, Valladolid, Salamanca, Málaga e As Palmas.[15]
Con todo, os resultados non acompañaron ao equipo a partir dos anos 80, descendendo varias veces á Segunda División e atopándose con problemas económicos. Para o torneo Clausura 2002 o club mudouse a Maracay, no estado de Aragua e asumiu como sede o estadio Giuseppe Antonelli. Baixo o mando do uruguaio Carlos María Ravel, o novo cadro cambiou as súas cores branca e azul polo amarelo e o vermello acabou descendendo á Segunda. Rematada la tempada o club cambiou de nome e constituíuse o Aragua Fútbol Club, como unha nova entidade.[16]