A determinación do sexo ZW é un sistema de determinación do sexo dependente da presenza nas células do individuo dos cromosomas Z e W, de tal modo, que os individuos ZZ son machos e os ZW son femias. Este sistema é utilizado principalmente polas aves, e tamén se dá nalgúns peixes, crustáceos como o cangrexo de río xigante Macrobrachium rosenbergii, algúns insectos (fundamentalmente bolboretas diúrnas e nocturnas) e algúns réptiles, entre os que está o dragón de Komodo. O sistema ZW é un sistema cromosómico de determinación do sexo igual ca o XY ou o X0, pero ten bastantes diferenzas con estes. No sistema ZW é o óvulo o que determina o sexo da descendencia (no XY todo depende de se o espermatozoide leva o cromosoma X ou o Y, e no sistema X0 tamén depende de se o espermatozoide leva X ou non), polo que as denominacións dos cromosomas como Z e W serven para distinguir este sistema do XY. Outra diferenza co sistema XY é que os machos son o sexo homogamético ZZ (con cromosomas sexuais iguais), e as femias son o sexo heterogamético ZW. O cromosoma Z é máis grande e ten máis xenes ca o W.
Os cromosomas Z e W das aves non comparten xenes cos cromosomas X e Y da gran maioría dos mamíferos,[1] e, comparando os cromosomas das galiñas cos humanos, o cromosoma Z parece ser similar ao cromosoma 9 autosómico humano, pero non ao X ou ao Y, o que fixo pensar aos investigadores que os sistemas de determinación de sexos ZW e XY non comparten unha mesma orixe, pero que os cromosomas sexuais derivan de cromosomas autosómicos dun antepasado común. Unha publicación de 2004 comparou o cromosoma Z de galiña cos X de ornitorrinco e suxeriu que os dous sistemas están relacionados.[2] Segundo esta publicación, o ornitorrinco ten un sistema baseado en dez cromosomas, no que os cromosomas forman unha cadea multivalente durante a meiose dos machos, que segregan formando esperma XXXXX e esperma YYYYY, con cromosomas equivalentes aos XY nun extremo desta cadea e cromosomas equivalentes aos ZW no outro extremo.
Non se sabe se a presenza do cromosoma W induce características de femia ou se é a duplicación do cromosoma Z a que induce características de macho. A diferenza do que ocorre nos mamíferos, non se descubriu ningunha ave con dous cromosomas W (ZWW) ou un só cromosoma Z (Z0). É posible que estas dúas condicións causen a morte do embrión, ou que ambos os cromosomas interveñan na selección sexual.[3]
O dragón de Komodo pode reproducirse ás veces por partenoxénese e nese caso xeralmente só nacen crías macho. Os ovos haploides duplican os seus cromosomas orixinando embrións ZZ, que serán machos, e embrións WW, que son inviables e morren antes de naceren.[4]
As boas teñen cromosomas Z e W. En 2010 anunciouse o descubrimento dunha femia de Boa constrictor que podía producir descendencia sen aparearse cun macho e, por medio de reprodución partenoxenética, produciu unha descendencia de 22 femias, todas as cales tiñan a dotación cromosómica WW. Aínda que este resultado fora xa conseguido no laboratorio previamente, nunca antes se atopara en circunstancias naturais. Non está claro se todas as crías procedentes dunha femia sen aparear poderán elas despois aparearse con machos, ou se se reproducirán partenoxeneticamente, ou se poderán facer ambas as cousas como a súa nai. Porén, debido aos cromosomas WW que teñen, toda a descendencia que poderían producir sería do sexo feminino.[5]
Nos lepidópteros (bolboretas e avelaíñas) atopáronse exemplos de femias Z0, ZZW, e ZZWW. Isto suxire que o cromosoma W é esencial na determinación do sexo feminino nalgunhas especies (ZZW), pero non noutras (Z0). En Bombyx mori (o verme da seda), o cromosoma W leva os xenes que determinan o sexo feminino.