Biografía | |
---|---|
Nacemento | 26 de outubro de 1881 Cayambe, Ecuador |
Morte | 23 de abril de 1971 (89 anos) |
Outros nomes | mama Dulu |
Actividade | |
Ocupación | activista |
Partido político | Partido Comunista |
Dolores Cacuango Quilo, nada en Cayambe o 26 de outubro de 1881 e finada en Yanahayco o 23 de abril de 1972, foi unha activista ecuatoriana pioneira no campo da loita polos dereitos dos indíxenas e labregos no seu país, tamén coñecida como Mamá Dulu.[1][2][3] Fundou en 1944 a Federación Ecuatoriana de Indios (FEI)[4] coa axuda do Partido Comunista de Ecuador e en 1946 xunto a Luisa Gómez de la Torre a primeira escola bilingüe (quechua-español). É unha das referentes máis coñecidas da esquerda ecuatoriana e unha das referentes do feminismo ecuatoriano a principios do século XX xunto a Tránsito Amaguaña.
Dolores Cacuango naceu no latifundio de San Pablo Urcu preto de Cayambe (provincia de Pichincha) en 1881. Os seus pais, Andrea Quilo e Juan Cacuango, foron indios gañanes, nome que recibían as persoas que traballaban en facendas sen soldo. Creceu no campo xunto aos seus pais, sen asistir á escola debido á falla de recursos económicos. Nunca aprendeu a ler nin a escribir, o que resultou un factor motivante[5] para mellorar o acceso á educación da comunidade indíxena. Aprendeu a falar castelán na cidade de Quito, lugar onde traballou como empregada doméstica a moi curta idade.
Unha das influencias na vida política de Cacuango foi Juan Albamocho, un indíxena que solía disfrazarse de mendigo e pedir caridade, sentaba ao pé dos despachos dos avogados e escoitaba o que conversaban. Unha tarde, Albamocho regresou á súa comunidade en Cayambe e exclamou berrando "Si houbo lei para os indíxenas". Dende entón, a comunidade indíxena desexaba coñecer os seus dereitos, para poder defenderse dos continuos maltratos dos tenentes políticos e dos curas parroquiais.[6]
A súa primeira acción que a situou no liderado indíxena foi a principios de 1926 cando Dolores tiña xa 44 anos. Foi no contexto dunha rebelión popular en Cayambe dirixida polo indio Jesús Gualavisí e impulsada polo Sindicato de Traballadores Campesiños de Juan Montalvo. Dolores formaba parte dun grupo de mulleres que promoveron folgas en distintas facendas da zona. Destacou pola súa capacidade de condución e os seus discursos pronunciados en quechua e en castelán.[5]
En 1927 casou con Luis Catucuamba, foron vivir a Yanahuayco, próximo a Cayambe. Traballaron na agricultura e tiveron nove fillos; oito deles morreron a curta idade por doenzas intestinais causadas pola falta de hixiene e salubridade da zona. O único fillo que sobreviviu foi Luis Catucuamba. En 1946 chegou a ser educador de indíxenas na súa vila natal, pois a súa nai quixo que axudase o seu pobo.
Os últimos anos de Cacuango foron penosos. Perdeu forzas, sufriu paraplexía, perdeu peso, estaba cansa e deixou de visitar as comunidades e organizacións. Faleceu en 1971 con 89 anos. No momento do seu pasamento acompañábana o seu esposo, o seu fillo, a súa nora e a súa amiga María Luisa.
Dolores Cacuango foi unha activa impulsora da fundación de escolas bilingües en colaboración con Luisa Gómez de la Torre; fundou en 1946 a primeira escola bilingüe (quechua-español).[1]
No ámbito político, en 1944 participou na creación da primeira organización indíxena en Ecuador[7] que se denominou Federación Ecuatoriana de Indígenas (FEI) auspiciada polo Partido Comunista del Ecuador;[8][9] aquí ocupou a secretaría xeral.[10]
Ademais, liderou a apertura de escolas sindicais en Cayambe[11] e, xunto a Rosa Lema, foi unha das mulleres de orixe indíxena máis recoñecidas no seu país a finais da década de 1940.[9]
A Reforma Agraria foi ditada en outubro de 1973 co obxectivo de facer algunhas reformas no réxime de posesión e usufruto da terra, para deter a ofensiva dos campesiños rebeldes e precautelar a produtividade das facendas. Esta procuraba a integración nacional, transformación das condicións de vida do campesiñado, redistribución do ingreso agrícola e organización dun novo sistema social de empresa de mercado. A reforma agraria marcou o inicio dun proceso de “territorialización” sobre un importante espazo rural situado no Cantón Cayambe, provincia de Pichincha. Dolores Cacuango dentro deste proceso foi unha figura clave que liderou a varios mozos indíxenas na rebelión contra o poder dos facendados e dos seus administradores e mordomos.
Dolores Cacuango vivía nunha pequena aldea preto de Cayambe, o que a motivou a participar liderando varias rebelións en Cayambe para protexer os dereitos indíxenas. A causa disto chegárona a coñecer como La Loca Dolores Cacuango ("A tola Dolores Cacuango"), xa que a temían pola súa capacidade de liderado e o seu carisma que atraía grandes grupos indíxenas en Cayambe.
Nas súas incursións polas comunidades ía sempre acompañada polos indios de experiencia política e por mozos que formaba no liderado. En 1964 o plan de axuda Alianza para o Progreso durante a presidencia de Galo Plaza buscaba a instauración da reforma agraria; esta buscaba un cambio para que as leis que a mesma propuña sexan respectadas polos facendados e pola oligarquía. Dolores apoiou este plan liderando unha marcha en Quito con case dez mil indios de Cayambe, na que se dirixiu a todos os ecuatorianos ao dar un discurso no Teatro Universitario, xa que buscaba xustiza para os indíxenas con esta nova restauración da reforma agraria.
A especie de avespa Aleiodes cacuangoi recibiu o seu nome por ela.[12]