O ducatón é unha moeda de prata de gran módulo emitida fundamentalmente en Milán, en Tournai e no Ducado de Brabante entre os séculos XVI e XVIII, co mesmo valor do ducado de ouro.[1][2][3][4]
Cuñáronse tamén pezas de medio, dobre e triplo ducatón.[2][5][6]
A primeira moeda sobre a que recaeu a denominación de ducatón foi un tipo de escudo de prata coñecido como ducatone da soldi cento (co valor de 100 soldos) cuñado en Milán en 1551 polo emperador español Carlos V, que foi sucedido nesta mesma ceca por outros ducatóns a nome dos reis españois Filipe II, Filipe III e Filipe IV. Os ducatóns producíronse en gran número en diversos estados italianos durante o século XVII e desde aí espalláronse por outros lugares de Europa.[2]
En 1618 comezou a súa emisión en Brabante e en Tournai; estas moedas, que se emitiron a nome de Filipe III e Filipe IV, pesaban arredor de 32,48 gramos de prata de 944 milésimas, tiñan unha equivalencia de 63 stuivers e caracterizábanse por amosaren os bustos de Alberte e Isabel.[2][7]
Coñécense tamén ducatóns emitidos en Liexa a nome do príncipe-bispo Maximiliano Henrique de Baviera.[8][9]
En 1659, as Provincias Unidas comezaron a produción dun ducatón coa tipoloxía característica dun cabaleiro montado no seu cabalo no seu anverso. Baixo o cabalo, un escudo indica a provincia responsable da emisión. Estas moedas, de 32,779 gramos de prata de 941 milésimas, amosan nos seus reversos as armas das Provincias Unidas. Entre os anos 1726 e 1751, levaban tamén o monograma da Compañía Holandesa das Indias Orientais. Finalmente, as emisións de ducatóns do cabaleiro detivéronse en 1798.[10]
Os ducatóns do cabaleiro foron moi recoñecidos e gozaron dun importante prestixio na súa época en moi diversos países, ata o punto de chegaren a se converter en moeda de uso internacional, rivalizando co real de oito español.[11]