Nome | Dukla Praha | ||
---|---|---|---|
Fundación | 1948 | ||
Desaparición | 1996 | ||
Estadio | Stadion Juliska, Praga, República Checa | ||
Inauguración | 1960 | ||
Capacidade | 18.000 | ||
|
O Dukla Praga (en checo: Dukla Praha) foi un club de fútbol checo da cidade de Praga. Fundado en 1948 co nome de ATK Praha, gañou un total de 11 títulos da liga checoslovaca e oito Copas de Checoslovaquia, e na tempada 1966/67 acadou as semifinais da Copa de Europa. Xa en 1985/86 chegou ás semifinais da Recopa de Europa. Achegou sete xogadores á selección de Checoslovaquia que quedou subcampioa na Copa do Mundo de 1962 en Chile, nun ano no que o club gañou o quinto dos seus títulos de liga nacional e no que ademais o seu xogador Josef Masopust recibiu o Balón de Ouro.
O Dukla Praga foi fundado en 1948 co nome de Armádní tělovýchovný klub Praha, abreviado como ATK Praha, e comezou a súa traxectoria na máxima división do fútbol checoslovaco.[1][2] Estaba dirixido polo exército checoslovaco e contaba con seccións de sete deportes diferentes.[3] O club cambiou o seu nome a Ústřední dům armády Praha ou UDA Praha en 1953, e esa mesma tempada gañou o primeiro dos seus 11 títulos da liga checoslovaca.[1][2] Repetiu título en 1956, ano no que mudou o seu nome a Dukla Praha, en homenaxe aos caídos na batalla do paso de Dukla en 1944.[2] Na tempada 1957/58 proclamouse campión checoslovaco por terceira vez, segunda consecutiva.
Na tempada 1960/61 naceu a Copa de Checoslovaquia e o Dukla Praga foi o seu primeiro campión, ao derrotar na final ao Dynamo Žilina, título ao que sumou unha cuarta liga ese mesmo ano.[2][4] O club estivo a piques de conquistar de novo ambos títulos en 1962, cando gañou a liga pero perdeu na final da Copa ante o Slovan Bratislava.[2][4] Ese mesmo ano celebrouse o Mundial de Chile, e o Dukla achegou sete xogadores á selección de Checoslovaquia que chegou á final, na que caeu ante o Brasil.[5] A estrela do Dukla, Josef Masopust, marcou un dos goles na final, e máis tarde recibiu o Balón de Ouro como mellor futbolista europeo. O Dukla gañou dúas ligas máis nos dous seguintes anos, facendo un total de catro consecutivas. Na tempada 1964/65 gañou unha nova Copa e na 1965/66 repetiu Copa e liga.[2] O último título para o Dukla na década de 1960 foi a Copa Checoslovaca 1968/69.[4]
O formato da competición de Copa cambiou despois da tempada 1968/69, e non foi ata a 1980/81 cando o Dukla sumou outro título, repetindo logro nas tempadas 1982/83, 1984/85 e 1989/90.[4] Na 1985/86, o club conseguiu a maior goleada da súa historia, nunha vitoria por 10-0 contra o Dynamo České Budějovice.[6]
Dende o nacemento da Copa de Europa en 1955 ata 1991, o Dukla disputou máis partidos en dita competición (45) que calquera outro equipo de Checoslovaquia.[7] Os cinco xogadores da liga checoslovaca con máis participacións na competición antes de que pasase a chamarse Liga de Campións, foron todos xogadores do Dukla: Josef Masopust, Jozef Adamec, Jiří Čadek, Josef Vacenovský e Dušan Kabát.[7]
En 1994 púxose fin á longa asociación do club cos militares e ao mesmo tempo o equipo perdeuse a súa condición de equipo de primeira división.[3] O Dukla terminou último na Primeira Liga Checa 1993/94, nunha tempada na que pasaron ata tres adestradores polo banco.[8] O club gañou só un partido en toda a tempada, contra o Hradec Králové, e chegou a perder 7-0 ante o Viktoria Žižkov.[6][8] Na seguinte tempada (1994/95) militou na liga de fútbol de Bohemia, rematando no terceiro lugar detrás do SK Chrudim e Pelikán Děčín.[8] Tampouco conseguiu o ascenso na tempada 1995/96, quedando de novo terceiro, esta vez por detrás do Atlantic Lázně Bohdaneč e do Česká Lípa.[8]
En 1996 fusionouse co equipo de segunda división FC Portál Příbram.[3][8] O novo club, que máis tarde se pasou a chamar 1. FK Příbram xogou unha tempada no Juliska de Praga antes de mudarse ao Příbram en 1997.[9]
O nome de Dukla Praga desapareceu do fútbol checo durante varios anos, pero non para sempre. O Dukla Dejvice, un equipo local de Praga fundado en 1959, comezou a xogar no estadio Juliska e adoptou as cores amarela e vermella de Dukla Praga.
O club entrou no Campionato de Praga en 2001 e cinco anos despois, a dirección do Dukla Praga anunciou que aceptara facerse cos dereitos do Jakubčovice, de Segunda División.[10] O histórico club volveu á máxima división checa en 2011.
Esta é a lista dos adestradores do club.[11]
|
|
|