Biografía | |
---|---|
Nacemento | 23 de xaneiro de 1905 Berlín, Alemaña |
Morte | 5 de novembro de 1960 (55 anos) Tel Aviv, Israel |
Causa da morte | cancro de ril |
Educación | Universidade Humboldt de Berlín Universidade de Erlangen-Núremberg |
Actividade | |
Campo de traballo | Psicoloxía |
Ocupación | poeta, mitógrafo, escritor, filósofo, psicólogo, historiador da arte |
Influencias | |
Descrito pola fonte | Pedagogues and Psychologists of the World (en) , |
Erich Neumann, nado en Berlín o 23 de xaneiro de 1905 e finado en Tel Aviv o 5 de novembro de 1960, foi un psicólogo israelí[1] represtante da escola evolutiva en psicoloxía analítica.
Estudou filosofía e medicina e posteriormente entrou a formar parte do círculo achegado a Carl Gustav Jung. Algúns considérano o discípulo máis salientable de Jung.[2]
Nas súas obras principais prosegue a metodoloxía de Jung aplicada á psicoloxía profunda. Este método denomínase amplificación e consiste en remitir un caso ou síntoma á simboloxía presente en diversas manifestacións culturais de diferentes pobos. É dicir, o carácter empírico da psicoloxía junguiana non deriva do acerto no diagnóstico dos síntomas senón na proba da presenza universal dun fenómeno anímico.
No caso de Erich Neumann, os materiais que emprega son fundamentalmente mitolóxicos. É tal o volume de mitos e símbolos que percorren o seu discurso psicolóxico que o propio Jung considerou algunhas das súas obras, por exemplo Ursprungsgeschichte des Bewusstseins (As orixes e historia da conciencia), como superadoras das súas propias obras.
Porén, Erich Neumann achegou algúns matices persoais ós temas junguianos. Así, por exemplo, a importancia que Neumann proporcionou ós réximes matriarcal e patriarcal están case ausentes en Jung. Ademais, Erich Neumann describiu varias constelacións simbólicas importantes no proceso de individuación, como a fratría, e achegouse bastante ós postulados da psicoloxía do eu freudiano (Heinz Hartmann) contemporáneo da súa obra.
A achega que máis fama lle proporcionou a Neumann é a súa descrición do complexo da Deusa Nai. Nunha época na que a psicoloxía freudiana estaba centrada no pai e mesmo Jung falaba da individuación como saída do incesto primario, Neumann describiu con gran detalle a importancia do complexo inconsciente da Gran Nai, como arquetipo universal co que se enfronta todo individuo na súa vida. Con iso, adiantouse ás tendencias posteriores que dende o lado freudiano analizaron a relación simbiótica entre nai e fillo, fundamentalmente da man de Michael Balint, Melanie Klein, Margaret Mahler, John Bowlby e Heinz Kohut.