Biografía | |
---|---|
Nacemento | 289 (Gregoriano) Calcedônia, Turquía (pt) |
Morte | 16 de setembro de 304 (14/15 anos) Calcedônia, Turquía (pt) |
Lugar de sepultura | Croacia |
Período de tempo | Imperio Romano |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 16 de setembro 11 de xullo |
Santa Eufemia de Calcedonia ou Santa Eufemia mártir, nada na antiga cidade de Calcedonia (na provincia romana de Bitinia, en Asia Menor) en 289 e finada o 16 de setembro de 304, foi unha santa da Igrexa católica e da Igrexa ortodoxa, martirizada en tempos de Diocleciano.
Era a filla dun senador chamado Filofronos e da súa muller Teodosia [1] naturais de Calcedonia, localidade na entrada oriental do Bósforo, fronte á cidade de Bizancio, que posteriormente pasou a denominarse Constantinopla e actualmente é Istambul, en Turquía.
O nome procede do grego euphemía, co significado de boa sona, bo agoiro. Outras fontes dan outra etimoloxía, do grego eu, ben, e femí, dicir, falar; dando ó nome o significado de "a que di cousas boas"[2].
O gobernador de Calcedonia, Prisco, decretara que tódolos habitantes da cidade participaran nos sacrificios ó deus pagán Ares, deus da Guerra, pero Eufemia e outros cristiáns agocháronse na súa casa para render culto ó Deus cristián. Ó seren descubertos e negarse a adorar a Ares, foron torturados, se ben a Eufemia -daquela unha meniña de 14-15 anos- non a fixeron presa pola súa condición de patricia [3], o que motivou as protestas dela que esixía o mesmo trato cós seus compañeiros. Outras fontes[4] contan que Eufemia andaba pola cidade e cando viu as torturas públicas ás que Prisco sometía ós cristiáns, increpouno publicamente, declarándose ela mesma cristiá, polo que foi detida e encarcerada.
O caso é que esta actitude enfureceu a Prisco, que resolveu ser especialmente duro con ela. Comezou intentado violala, pero non puido pola forte resistencia de Eufemia, que defendeu a súa virxindade e porque, milagrosamente, a man do agresor quedoulle paralizada. Logo someteuna ó tormento da roda (unha roda que botaba lume e á que se ataban as vítimas), pero quen morreu abrasado foi o verdugo; os familiares deste, alporizados, tiraron coa roda ó lume -coa santa aínda atada á mesma- pero todo ardeu, menos ela.
Procederon entón a pendurala da bóveda polos cabelos, suxeitando unhas rochas de tal forma que, ó caer a vítima, caeran as rochas sobre ela, pero o cabelo aguantou e as rochas se soldaron ás pedras da bóveda. Quixeron logo que morrese de fame e sede, pero un anxo viña onda ela con auga e alimentos. Intentaron cortarlle a cabeza cunha espada e cun serrón, pero ambas as ferramentas romperon sen facerlle dano. Quixeron afogala nun pozo, queimala nun forno ou que na picasen unhas cóbregas, pero nada fixo efecto nin nada diso logrou quebrantar o seu espírito.
Prisco intentou repetir a violación pero a través dun grupo de mozos que reuniu para tal efecto pero tampouco puido ser: cando chegou o primeiro non foi quen de agredila e rematou converténdose ó cristianismo. Ó final ordenou que a botasen nun foxo con feras -uns falan de osos, os máis de leóns- e nin así: os leóns volvéronse mansos e non a atacaron. Mesmo se di que lle ofreceron os seus corpos como asento. Tivo que ser a propia santa a que lles ordenase ós leóns que a atacasen, e un deles terminou arrincándolle un brazo. Finalmente o verdugo do prefecto descendeu ó foxo e matouna coa súa espada.
Así, unhas fontes afirman que morreu decapitada, outras afirman que morreu ó ser atravesada coa espada, e outras devorada por un oso ou polos leóns no circo do emperador. Na iconografía relixiosa aparece representada cos atributos do martirio, ben coa espada cravada ou na man, ben cunha roda dentada, ben cos leóns ós seus pés.
Sobre a súa tumba levantouse a catedral de Calcedonia. Durante o Concilio de Calcedonia, celebrado o ano 451 precisamente nesa catedral, abriuse un fondo debate entre os cristiáns ortodoxos e os seguidores da doutrina monofisista de Eutiques, debate no que non se puido alcanzar un consenso. Entón o Patriarca de Constantinopla resolveu deixar a decisión en mans do Espírito Santo a través do corpo de Santa Eufemia.
As dúas partes en discusión escribiron a súa tese, e os pergameos foron colocados sobre o peito da santa dentro da tumba, sendo esta selada polo emperador Marciano (390-457) e vixiada durante tres días. Durante este tempo, todos xexuaron e rezaron e, cando por fin se abriu o sartego, atopouse o rolo coa confesión ortodoxa na man dereita da santa e o rolo dos monofisistas ós seus pés.
En consecuencia, o monofisismo de Eutiques foi cualificado de herexía e adoptouse o denominado Credo de Calcedonia, que describe a plena humanidade e a plena divindade de Cristo, segunda persoa da Santísima Trindade[5].
Cara 616, cando Calcedonia foi conquistada polos persas de Cosroes II, as reliquias de Santa Eufemia foron trasladadas a Constantinopla. Nesta cidade, durante as revoltas dos iconoclastas ó redor do ano 800, o relicario desapareceu, disque botado ó mar, pero foi reaparecer milagrosamente nunha praia de Istria e devolto ó bispo, quen o agochou nunha cripta secreta e hoxe se cre que a maior parte das reliquias da santa se conservan na basílica de Rovinj (Croacia)[6].
Outra teoría sostén que tras un traslado temporal á illa de Lemnos, o ano 796 regresaron a Constantinopla, onde se conservan na igrexa do Patriarcado.
Os cruzados roubáronas no século XIII, e a cabeza da santa foi levada a Nicosia, actual capital de Chipre.
Outras igrexas aseguran conservar reliquias da santa (Milán, Aquileia, Ruán, Rávena, Antioquía) e tamén en España, concretamente en Antequera (Málaga). Santa Eufemia é patroa desta localidade [7] desde a reconquista da cidade por Fernando I de Aragón, Fernando de Antequera, no ano 1410 [8]. Na torre da Colexiata de San Sebastián (a torre máis alta da cidade), hai un anxo custodio, que fai de catavento e que contén no seu peito un relicario cunha reliquia de Santa Eufemia.
A tradición tamén acredita que o seu corpo repousa nunha das capelas laterais da Catedral de Ourense.
Santa Eufemia é venerada en Croacia, Italia, Francia, Arxentina, México, Portugal e España, entre outros países. En España é patroa, entre outros, de Antequera, de Villafranca (Navarra) e de Santa Eufemia (Córdoba).
Suponse que o nome de Sancta Euphemia deu lugar a diversos topónimos españois como Santovenia, Santoveña ou Santueña.
O día de Santa Eufemia celébrase o 16 de setembro, data do seu martirio. Represéntase con túnica e manto (como patricia romana) e unha espada cravada no peito ou na gorxa, unha roda dentada ou un oso ou dous leóns ós seus pés.
A Igrexa ortodoxa celebra Santa Eufemia o 11 de xullo, data do milagre do Concilio de Calcedonia.
Hai unha tradición que acredita que a Santa Eufemia galega non é a mesma cá de Calcedonia, o que explica a presenza do seu corpo na catedral de Ourense. Foi o bispo ourensán Juan Muñoz de la Cueva (1717-1728) quen recolleu a lenda da orixe da santa galega. Segundo esta tradición, naceu en Baiona e foi perseguida por non renunciar á súa fe para esconderse nas proximidades da serra do Xurés, entre Galicia e Portugal, no que hoxe se chama Serra de Santa Eufemia, e onde finalmente foi capturada e martirizada en tempos de Hadriano (76-138).
Nada máis se soubo dela ata o ano 1060, cando apareceu o sepulcro no lugar de Campelo, na parroquia de San Salvador de Manín, en Lobios. O corpo da santa apareceu cunha man fóra, e na man un anel. Unha pastora colleulle o anel pero quedou sen fala, e non a recuperou ata que o volveu colocar na man da santa, á vez que unha voz desde o ceo lle dicía que alí estaba enterrada Santa Eufemia. Ante o milagre, os veciños acordaron levar o corpo e o sartego a unha pequena capela que había no lugar, dedicada a Santa Mariña [9].
Viñeron ata o lugar cregos e bispos de España e Portugal para levarse o corpo da santa ás súas respectivas dioceses de Ourense e Braga pero non houbo forma de decidir onde levar o sartego. Como aconteceu noutros casos semellantes (Santiago de Compostela, A Virxe da Franqueira), deixouse a decisión nos bois que turraban do carro que o transportaba, e os bois colleron cara Ourense e pararon nun lugar próximo á cidade, en San Breixo de Seixalbo (hoxe unha parroquia de Ourense), onde se levantou un cruceiro e unha capela [10]. Anos despois, o bispo Pedro Seguín (1157-1169) ordenou que os restos se levaran á catedral.
"O bispo de Ourense don Pedro Seguín determiñóu de traguelo prá súa catedral, mailos portugueses opuxéronse, chegando haber entre uns e outros unha verdadeira batalla, hastra que por fin conviñeron en pór a urnia co corpo da santa nun carro con dous bois bravos e indómitos, e ver pra onde dispuña Deus que collesen; os bois colleron pra Ourense, e pararon unha miguiña antes, onde moitos recordamos haber unha capela xa ruiñenta onde estivo, asegún a tradición, o corpo de Santa Eufemia, enantes de que o trougueran prá capela mór da Catedral, onde hoxe está"V. Risco, px. 350.
En Galicia, Santa Eufemia dá nome a unha parroquia e nove lugares:
É titular de nove parroquias galegas, algunhas das máis antigas de Galicia:
En Ourense capital hai unha igrexa dedicada á santa, a máis grande da cidade despois da catedral. Coñécese como Santa Eufemia do Centro (ou Santa Eufemia a Real) para diferenciala doutra igrexa próxima tamén baixo a advocación da santa, Santa Eufemia do Norte, ou de San Domingos. Foi construída por Frai Plácido Iglesias a mediados do XVII pero non se rematou ata 1899. Caracterízase pola súa fachada barroca de forma cóncava.
Hai lendas que relacionan a Santa Eufemia con fontes milagreiras e ligadas a ritos de fecundidade: a igrexa de Santa Eufemia de Ambía, en Baños de Molgas, ten o altar sobre unha ara romana dedicada ás ninfas. A ermida de Santa Eufemia en Vilouchada (Trazo) ten unha fonte, Fonte da Santa, na que se bañan os enmeigados ou posuídos polo Demo para curar deses maleficios; tamén hai unha Pedra dos Cadrís á que se atribúen propiedades curativas contra a reuma e a esterilidade.
Á festa de Santa Eufemia en Arteixo acoden os endiañados e os familiares póñenlles pezas de roupa benditas e lévanos en procesión.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Eufemia de Calcedonia |