A Expedición Malaspina (2010-2011) foi un proxecto de investigación interdisciplinar que tiña como principais obxectivos avaliar o impacto do cambio global no océano e explorar a súa biodiversidade.
Desde decembro de 2010 até xullo de 2011, máis de 250 científicos, a bordo dos buques de investigación oceanográfica Hespérides (A-33) e Sarmiento de Gamboa levaron a cabo unha expedición que sumaba a investigación científica coa formación de novos investigadores e o fomento das ciencias mariñas e da cultura científica na sociedade.
O proxecto formaba parte do Programa Consolider – Ingenio 2010 [1] do Ministerio de Ciencia e Innovación de España e liderado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), cunha participación destacada da Armada Española.
Recibiu este nome en homenaxe ao oficial da Armada Española, de orixe italiana, Alessandro Malaspina quen, a finais do século XVIII dirixiu a denominada Expedición Malaspina, a grande expedición científica de navegación española, e de cuxo falecemento se cumpriran 200 anos o 9 de abril de 2009.
O cambio global é como se denomina ao conxunto dos cambios ambientais (por exemplo, o cambio climático), especialmente os debidos ás actividades humanas sobre o planeta. Engloba as actividades que, aínda que se exerzan localmente, teñen efectos sobre o funcionamento global do sistema Terra (o que adoita denominarse biosfera).
Os océanos exercen un papel central na regulación climática do planeta e son os maiores sumidoiros de CO2 e doutras substancias derivadas da actividade humana.
O proxecto reuniu a Colección Malaspina 2010, con datos e mostras ambientais e biolóxicas que quedaron á disposición da comunidade científica para avaliar os impactos de cambios de magnitude global no futuro. Por exemplo, cando novas tecnoloxías permitan avaliar os niveis dalgúns xentes contaminantes que hoxe aínda non é posíbel medir.
Os océanos con fondos de máis de 3.000 metros de profundidade constitúen a metade da superficie do planeta e, por tanto, o maior ecosistema da Terra. Aínda así, os océanos seguen sendo un misterio debido ás limitacións derivadas das tecnoloxías dispoñíbeis até hai pouco tempo. Os científicos adoitan dicir que coñecemos máis da Lúa ou de Marte que dos océanos do noso propio planeta.
O desenvolvemento de novas técnicas xenómicas permite agora explorar a diversidade da vida no océano escuro e avaliar o seu posíbel papel no metabolismo global do océano. A exploración da biodiversidade nas profundidades mariñas poderá, ademais, deparar importantes descubrimentos con aplicacións en biotecnoloxía.
O proxecto tamén se propoñía avaliar, a partir de fontes autóctonas, o impacto sociopolítico da expedición de Malaspina nos territorios explorados, así como analizar a biohistoriografía de Alessandro Malaspina con énfase nos traballos que seguiron á súa expedición.
España desempeñou hai séculos un papel moi importante na exploración dos recursos do planeta, e hoxe en día é un referente na investigación oceanográfica internacional. O proxecto pretendía estimular plataformas de cooperación dentro da comunidade de investigadores mariños en España e, ademais, acercar a ciencia e a investigación sobre o cambio global á cidadanía a través de diferentes accións de difusión.
O proxecto representaba unha oportunidade única para impulsar a formación de novos investigadores en ciencias mariñas. Coordináronse catro programas de Posgrao para ofrecer un módulo de formación, que incluía o Programa de Doutoramento Expedición Malaspina Fundación BBVA-CSIC, financiado por estas institucións. O módulo de formación culminaría co uso como buque escola do Sarmiento de Gamboa durante a etapa da expedición Miami-Las Palmas.
A expedición organizouse en 11 bloques de investigación:
A expedición Malaspina 2010 levouse a cabo ao longo de 2010 e 2011 en dous buques de investigación oceanográfica. O Hespérides, operado pola Armada Española, que realizou a circunnavegación, e o Sarmiento de Gamboa, operado polo CSIC, que traballou en paralelo ao primeiro entre Las Palmas de Gran Canaria e Santo Domingo (República Dominicana) e o regreso a Las Palmas. Ao seu retorno, aloxaría unha universidade flotante destinada á formación en oceanografía para estudantes de mestrado.
Máis de 32.000 millas náuticas percorridas, seis meses de navegación, máis de 400 científicos de todo o mundo implicados no proxecto e máis de 120.000 mostras recollidas de aire, auga, gases e plancto dos océanos Atlántico, Índico e Pacífico coas que se elaborarán coleccións de referencia para a comunidade científica internacional.[2] Concluída a fase de navegación, o proxecto non deixou de avanzar nas súas dúas facetas de investigación e divulgación. Mentres os científicos analizan as mostras obtidas, ven a luz materiais e actividades de cultura científica que tratan de acercar o traballo dos investigadores á cidadanía, como a exposición España explora. Malaspina 2010 (Real Jardín Botánico de Madrid),[3] ou a crónica da expedición, de Santos Casado, libro publicado en 2012 polo CSIC e Los Libros de la Catarata.[4]