Fabio McNamara, en ocasións Fanny McNamara, é un artista relacionado coa subcultura xordida da movida madrileña.
Foi parella musical do director de cine Pedro Almodóvar nun dúo cabareteiro (cabaret ganso) que levaba o nome dos seus compoñentes (aparecen na película de Almodóvar Laberinto de pasiones interpretándose a si mesmos). Segundo conta a lenda, Andy Warhol animou a McNamara a seguir no mundo do espectáculo tras asistir a unha actuación do dúo, dirixíndolle as palabras: "you are a star". Cando o director manchego decidiu dedicarse enteiramente ó cine, Fabio McNamara creou un novo proxecto musical xunto a Luis Miguélez, guitarrista do grupo Dinarama, e Juan Tormento. Debutan en 1986 co disco Fanny y Los +, o primeiro dos catro que o grupo producirá en 20 anos de carreira, e que obtivo escaso éxito. Unha década máis tarde aparece A tutti plein, o primeiro álbum asinado como McNamara, de inspiración oitenteira pero xa con ritmos máis modernos, que sentan as bases do que será a produción posterior do artista. En 2000 sae Rockstation e no 2006 Mariclones, co seu novo grupo "Saras$as Music".
Ademais de Laberinto de pasiones (1982) aparece nas películas de Almodóvar Pepi, Luci, Bom y otras chicas del montón (1980), onde fai de representante de cosméticos Avon, e en ¿Qué he hecho yo para merecer esto?, onde volve a interpretarse a si mesmo, e novamente en compañía do director, facendo un Lipdub da copla La bien pagá. Participa nas bandas sonoras doutras obras de Almodóvar como La ley del deseo ou ¡Átame!. Pódeselle ver así mesmo na película Pestañas postizas (1982) de Enrique Belloch e en diversas producións que repasan ou recrean o mundo da movida madrileña, como o documental Gran Casal, me como el mundo (2004), de José Antonio Quirós, dedicado ó cantante Tino Casal.
O nome adoptouno dun xeneral americano dunha película de Billy Wilder. Como nos clubs de ambiente gay do Madrid tardofranquista sempre podía haber redadas, os habituais adoptaban nomes de guerra.
Actualmente, ademais de seguir dando concertos, adícase á súa outra grande afección, a pintura, tendo exposto obras súas no ARCO.