Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de xuño de 1974 Serra Leoa |
Morte | 29 de setembro de 2004 (30 anos) Freetown, Serra Leoa |
Causa da morte | homicidio |
Actividade | |
Ocupación | política, xornalista, activista LGBT |
FannyAnn Viola Eddy, nada en Serra Leoa o 14 de xuño de 1974[1] e finada en Freetown o 29 de setembro de 2004, foi unha activista polos dereitos das persoas gais e lesbianas tanto no seu país, Serra Leoa, como en toda África.
En 2002 fundou a Sierra Leone Lesbian and Gay Association, a primeira asociación LGBTI do país.[2] Viaxou moito e acudiu á ONU[3] e a outras agrupacións internacionais. En abril de 2004 apoiou a aprobación da Resolución brasileira a prol dos dereitos LGBTI na ONU en Xenebra.[4]
Eddy foi asasinada o 29 de setembro de 2004. Un grupo de polo menos tres homes asaltaron a oficina da Sierra Leone Lesbian and Gay Association no centro de Freetown, violárona en grupo, acoitelárona e rompéronlle o pescozo.[5] Porén, ninguén foi condenado polo crime.
Eddy tiña un fillo de 10 anos e unha parella, Esther Chikalipa.[6]
A Hirschfeld Eddy Foundation, unha entidade a prol dos dereitos humanos de lesbianas e gais, leva o seu apelido e o de Magnus Hirschfeld, físico e sexólogo gai alemán.
En 2008 creouse o premio FannyAnn Eddy de Poesía.[7]