Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 28 de outubro de 1998 (26 anos) Nwangele, Nixeria (en) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 1,96 m | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Peso | 91 kg | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Cor dos ollos | Castanho escuro (pt) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Cor do pelo | Pelo negro | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 2017 - | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Nixeria | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Gardameta | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Participou en | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
2023 | Copa de África de Nacións de 2023 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
2022 | Copa de África de Nacións de 2021 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
2019 | Copa de África de Nacións de 2019 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
2018 | Mundial de Fútbol Rusia 2018 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Francis Odinaka Uzoho, nado en Nwangele o 28 de outubro de 1998, é un futbolista nixeriano. Xoga de porteiro e o seu club actual é o AC Omonia chipriota. É internacional coa selección nixeriana.
Comezou a súa carreira en clubs do seu país, onde comezou a xogar de dianteiro, e aos 14 anos foi captado por un scout da Aspire Academy de Qatar, incorporándose en 2014 á rama senegalesa da academia.[1]
O 16 de xaneiro de 2017 anunciouse a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña para o seu equipo xuvenil, ao que chegou xunto ao seu compañeiro maliano Famoussa Kanouté, despois de que ambos destacasen nun torneo amigable en Barcelona.[2] As súas boas actuacións co xuvenil fixeron que axiña comezase a adestrar co primeiro equipo dirixido por Gaizka Garitano e co adestrador de porteiros Manu Sotelo, xunto aos gardametas profesionais Germán Lux, Tytoń e Davy Roef.[3]
Para a tempada 2017/18 subiu ao Fabril, que viña de ascender á Segunda División B, e realizou a pretempada co primeiro equipo, xa ás ordes de Pepe Mel. O adestrador do filial, Cristóbal Parralo, alternou a Francis e Álex Cobo na titularidade durante as primeiras xornadas.[3]
O 15 de outubro de 2017 debutou co primeiro equipo na Primeira División, nun empate a domicilio fronte o Eibar (0-0), converténdose no cuarto porteiro en defender a portería do Deportivo en só oito xornadas de liga. O seu debut foi posible debido á lesión de Rubén Martínez trala segunda xornada e ás irregulares actuacións de Tytoń e Pantilimon nos seguintes partidos. Xogou tamén o seguinte partido, unha derrota por 1-2 ante o Girona que provocou a destitución de Pepe Mel.[4] Disputou o resto da tempada co Fabril, sendo o gardameta máis utilizado do equipo, cun total de 25 partidos.
O 24 de agosto de 2018 anunciouse a ampliación do seu contrato co Deportivo por tres tempadas máis e a súa cesión por unha tempada ó Elche, da Segunda División.[5][6] Tras ser suplente durante as primeiras xornadas acabou quitándolle a titularidade ao veterano gardameta galego José Juan,[7] ata que unha fractura nas costelas o afastou da portería.[8][9] Trala súa recuperación volveu ser o elixido por Pacheta para defender a porta.
Tras media tempada no club ilicitano, onde xogou un total de sete partidos, en xaneiro de 2019 foi cedido ao Anorthosis Famagusta FC, equipo da cidade chipriota de Famagusta.[10] Despois de debutar con vitoria fronte ao Apollon Limassol, o presidente do Anorthosis e varios colaboradores foron arrestados por falsificar o certificado médico de Francis. O xogador foi posteriormente multado e sancionado e déuselle o partido por perdido ao seu equipo.[11][12] Dous meses despois conseguiu unha nova licenza e puido volver xogar un partido, pero foi expulsado por enfrontarse aos seareiros rivais.[13] En maio xogou o seu terceiro e último partido co Anorthosis.
En xullo de 2019 foi cedido ao AC Omonia Nicosia, tamén de Chipre, onde xogou varios partidos ata que en outubro sufriu unha grave lesión de xeonllo nun partido amigábel da súa selección contra Brasil, ao caer tras un choque contra Casemiro e romper os ligamentos.[14][15] Foi operado en novembro na Coruña polo doutor Rafael Arriaza e perdeu todo o resto da tempada.[16]
En xullo de 2020 o Deportivo anunciou o seu traspaso ao APOEL FC, o outro gran club de Nicosia e o máis laureado da liga chipriota.[17] Aínda que asinou un contrato por tres tempadas co club azul e amarelo, acabou cumprindo só unha, na que disputou un total de 25 partidos.
Desvencellado do APOEL, no verán de 2021 regresou ao Omonia. Esa mesma tempada proclamouse campión da Copa de Chipre, título que repetiu ao ano seguinte, aínda que non chegou a disputar ningunha das finais, sendo o gardameta titular en ambos partidos o brasileiro Fabiano.[18][19]
En outubro de 2022 protagonizou titulares da prensa internacional grazas á súa actuación nun partido da fase de grupos da Europa League ante o Manchester United en Old Trafford. O equipo inglés, con destacados futbolistas como Cristiano Ronaldo, Bruno Fernandes, Antony ou Rashford, realizou numerosos disparos á portería de Francis, que conseguiu manter a portería a cero ata o minuto 93, cando McTominay puido finalmente marcar.[20][21][22] O gardameta foi nomeado ao premio ao xogador da semana na Europa League, así como ao premio á mellor parada.[23]
Con só 14 anos, formou parte da selección de fútbol nixeriana sub-17 que se proclamou campioa da Copa do Mundo de fútbol sub-17 en 2013 nos Emiratos Árabes Unidos, sendo o porteiro suplente por detrás de Dele Alampasu.[24]
Foi convocado pola selección nixeriana absoluta por primeira vez en 2017, aos 19 anos de idade.[25] Debutou un mes despois nun amigábel contra a Arxentina, onde os nixerianos venceron por 2-4.[26] Durante o seguinte ano foi o porteiro titular da selección, coa que acudiu á Copa do Mundo de 2018 en Rusia. Disputou completos os tres partidos da fase de grupos, ante Croacia, Islandia e a Arxentina, conseguindo só tres puntos ante os islandeses, polo que Nixeria quedou eliminada.
En 2019 participou na súa primeira Copa de África, sendo aliñado só no partido polo terceiro posto, no que o seu equipo conseguiu vencer ante Tunisia.[27] A lesión de ligamentos deixouno fóra da selección durante meses, reaparecendo en 2021, ano no que disputou a súa segunda Copa de África. O 29 de marzo de 2022 foi o porteiro de Nixeria nun partido de clasificación para o Mundial contra Ghana. Recibiu críticas pola súa actuación, xa que un erro seu provocou un gol de Ghana e, finalmente, custoulle ao seu equipo a clasificación para a Copa do Mundo.[28] O porteiro tivo que pedir desculpas, ao temo que compañeiros de equipo e antigos internacionais, como Alex Iwobi e Vincent Enyeama, mostráronlle o seu apoio.[29][30]
Trala chegada dun novo seleccionador, o portugués José Peseiro, Francis recuperou a titularidade no equipo das "súper aguias" e xogou cinco dos seis partidos de Nixeria nas eliminatorias para a Copa de África de 2023, acabando na primeira posición do seu grupo. Con todo, Stanley Nwabili foi o elixido por Peseiro para ser titular na fase final do torneo, disputada en Costa do Marfil, polo que Francis viu dende o banco como o seu equipo acadaba a final, caendo ante a selección anfitrioa no estadio Alassane Ouattara de Abidjan.[31]