Gabriel Rufián Romero, nado en Barcelona[1] o 8 de febreiro de 1982, é un activista social e político catalán vinculado con movementos sociais de esquerdas e independentistas. Presentouse nas eleccións xerais españolas de 2015, 2016, abril de 2019 e novembro de 2019 como cabeza de lista de ERC e foi elixido membro do Congreso dos Deputados español.
Fillo e neto de andaluces de Xaén e Granada, que se coñeceron nun acto de Bandera Roja. Aínda que naceu en Barcelona, criouse e medrou no barrio do Fondo de Santa Coloma de Gramenet.[1] Fixo a educación secundaria en Badalona e estudou Relacións Laborais na Universidade Pompeu Fabra[2] e fixo un máster en Xestión de persoal na mesma universidade.[3]
Antes de se dedicar á política, traballou durante dez anos nunha empresa de traballo temporal (ETT) chamada Organización Activa, que se fusionou co Grupo Cosmos, dedicado á subcontratación en Chile, a Arxentina, Romanía e a India. A empresa suspendeu os pagos en outubro de 2014. Rufián continuou traballando para Maipú Works SL (empresa subcontratadora de persoal industrial, regulada pola Lei 32/2006), creada con antigos compañeiros da compañía anterior, onde traballou ata xuño de 2015.[4]
A finais de 2013, presentouse para colaborar con Súmate, unha plataforma independentista que agrupa a castelanfalantes onde se converteu nunha figura importante e tivo que enfrontar varias polémicas.[4]
En 2015, ingresou na Assemblea Nacional Catalana (ANC), e en maio pasou a formar parte do seu Secretariado Nacional. O 11 de setembro de 2015 foi un dos protagonistas da Via Lliure cap a la República Catalana como voceiro en castelán da ANC no escenario central do acto da Diada na Meridiana de Barcelona.[5] Durante a campaña electoral para as eleccións catalás do 27 de setembro participou en actos de campaña de Junts pel Sí realizando chamamentos para a participación dos castelanfalantes[6] e mais no acto final da campaña de JxS.[7]
O 30 de outubro anunciou que deixaba a dirección da ANC para presentarse ás eleccións encabezando a lista de Esquerra Republicana de Cataluña ás eleccións ao Congreso dos Deputados do 20 de decembro de 2015.[8][9] En maio de 2016 foi nomeado de novo cabeza de lista de Esquerra para as eleccións xerais do 26 de xuño, formando de nuevo tándem con Joan Tardà.
É colaborador habitual en debates e tertulias de actualidade política en diversos medios de comunicación, entre outros en 2324 de Televisió de Catalunya, El Matí de Catalunya Ràdio, El Punt Avui TV, 13TV,[10] e publica regularmente artigos de opinión en El Matí digital,[11] El Singular,[12] Nació Digital,[13] El Punt Avui,[14] ou El Món.
O 21 de novembro de 2018, sendo o portavoz do grupo parlamentario de Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), tras ser advertido tres veces á orde, foi expulsado da cámara do Congreso pola presidenta, Ana Pastor Julián, ao chamar repetidamente ao ministro de Asuntos Exteriores, Josep Borrell, "gamberro" e "indigno".[15]
En maio de 2021, despois da negación á aprobación dunha lei para persoas transxénero no Congreso dos Deputados, declarou referíndose aos que tiñan prexuízos relixiosos, especialmente católicos: “Ti cres nas serpes que falan, nas pombas que quedan embarazadas e que se nos comportamos mal, chove de lume e queimaranos. E veñen dar leccións de normalidade e adoutrinamento".[16]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gabriel Rufián |